Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2021 | Actualizada ás 20:18
O alcalde de Campo Lameiro (Pontevedra), o popular Carlos Costa, deu orde aos funcionarios municipais para iniciar os trámites para declarar 'persoa non grata' ao presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, no caso de que finalmente se efectúa o peche dunha sucursal.
Previsiblemente, a iniciativa sairá adiante co voto unánime do tres grupos con representación no pleno --PP, Porvir e PSOE--, que consideran que é un xesto de "dignidade dun pobo que expresa de modo institucional a súa rebeldía fronte a un atropelo ante o cal non se pode resignar".
Ademais, o Concello de Campo Lameiro organiza un velorio simbólico para a noite do mércores, 8 de setembro, para protestar contra o peche da sucursal. O acto, segundo informa o Consistorio, empezará ás 21,30 horas e os concentrados acompañarán a un cadaleito confeccionado "para escenificar a morte do rural galego coa desaparición paulatina de servizos esenciais" cono as oficinas bancarias.
O Concello chama aos veciños a participar no cortexo fúnebre con velas ou cirios que achegará a propia administración local. O acto sairá desde a Praza do Concello para dirixirse ata a propia sucursal, onde terá lugar o enterro.
Cabe lembrar que esta mesma semana a xunta de portavoces do Consistorio acordaba facultar ao alcalde para que iniciase contactos con avogados para buscar asesoramento para interpor accións xudiciais no caso de que Abanca peche a sucursal.
ABANCA ASEGURA QUE GARANTIRÁ SERVIZOS
Fronte a estas accións de protesta, celebradas tamén por outros concellos, a dirección de Abanca subliñou esta mesma semana que garantiría os "servizos financeiros" en todas as localidades nas que se suprimen entidades como consecuencia do que xustifica como "reordenación" de oficinas.
Farao, tal e como explicaron fontes da entidade, a través de "caixeiros, oficinas móbil e as oficinas de Abanca que ten nas localidades próximas". "Con este modelo darase solución á case totalidade de necesidades financeiras que se realizaban nelas, xa que todas as oficinas situadas nestas localidades teñen unha operativa moi reducida, algunhas presentan unha media inferior a seis operacións ao día", sinalaban as mesmas fontes.
Así mesmo, Abanca manterá activo o plan de axuda para o uso de caixeiros para todas as persoas que a necesiten. De feito, lembra que os caixeiros "foron adaptados para facilitar o seu uso por parte das persoas maiores".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.