A Xunta celebra o "impacto positivo" da Volta en Galicia e a "conexión" cun "ano especial"

Alfonso Rueda advertiu que é prematuro avaliar o "retorno" pero que "sen dúbida o impacto é positivo".

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 06/09/2021 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, celebrou este luns o "impacto positivo" do desenvolvemento en Galicia de tres etapas da Volta ciclista e a "conexión" deste evento deportivo cun "ano especial", como é o ano Xacobeo (que este ano é 'dobre', ao ter lugar no bienio 2021-2022). Así o trasladou a preguntas dos medios tras participar en Vigo no acto de presentación da Bienal Internacional de Cartelismo-Concurso Francisco Mantecón, que impulsa Terras Gauda.

Alfonso Rueda lembrou que a Volta finalizou hai apenas unhas horas, cunha última etapa a contrarreloxo con final na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela e, por tanto, é prematuro medir o impacto que tiveron esa e as outras dúas etapas que discorreron por terras galegas.

En todo caso, apuntou que "a xente que había no percorrido de todas as etapas" xa é "un indicativo" da "aceptación" que este evento ten en Galicia. Ademais, lembrou que A Volta ten repercusión a nivel mundial, non só pola retransmisión en directo das etapas, senón tamén grazas ás repeticións e a todo o material audiovisual que se difunde.

O responsable de Turismo da Xunta afirmou que "haberá que avaliar" ese "retorno", pero "sen dúbida o impacto é positivo". Así mesmo, valorou tamén a repercusión "a efectos de promoción" de imaxes como a do gañador da Volta, Primoz Roglic, vestido de peregrino e subido ao podio.

Por tanto, Rueda sinalou que, "como primeira valoración global", hai que estar "satisfeitos" porque A Volta estivo en Galicia, e polo seu "impacto", "significación e conexión este ano tan especial, con todo o que supón o Xacobeo para Galicia".

Despregamento con motivo da última etapa da Volta 2021, que finalizou en Santiago de Compostela.
Despregamento con motivo da última etapa da Volta 2021, que finalizou en Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta