Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/09/2021 | Actualizada ás 18:37
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves a aprobación no Consello da Xunta da primeira convocatoria do Programa Doutoramento industrial que, dotado con 1,9 millóns de euros, apoiará a contratación de 15 estudantes en empresas e centros tecnolóxicos nos que desenvolverán a súa tese.
Ademais de estar matriculados nun programa de doutoramento nalgunha das universidades galegas, os estudantes deberán ter un director de tese vinculado a este programa e realizar un proxecto de investigación que favoreza a resolución de necesidades concretas nestas empresas ou centros.
Segundo destacou a Xunta, o obxectivo é contribuír á mellora da investigación colaborativa e á transferencia de coñecemento, así como a inserción laboral dos investigadores galegos. As axudas están dirixidas tanto a empresas e centros de innovación e tecnoloxía como ás universidades galegas e inclúen custos de contratación, así como os apoios para estancias no estranxeiro.
BIBLIOTECA MUNICIPAL EN ESGOS
Por outra banda, o Consello da Xunta deu visto e prace á firma dun convenio de colaboración entre co Concello de Esgos para a posta en marcha dunha nova Biblioteca Municipal que mellorará as actuais instalacións e que suporá a recuperación dun edificio incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia que se sitúa no centro urbano do pobo.
En virtude deste acordo, o Goberno autonómico achegará 100.000 euros ao Concello de Esgos, o que supón case o 50% do investimento necesario para a actuación.
A Xunta destacou que, a día de hoxe, Esgos conta cun espazo dedicado á biblioteca situado no baixo do Consistorio, que é "insuficiente" para satisfacer as necesidades e dar cabida a todos os usuarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.