Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/09/2021 | Actualizada ás 18:22
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou este xoves o cumprimento das medidas recollidas no Plan de acción estratéxico para a Ribeira Sacra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, dado que o 90 por cento das pautas incluídas no documento, cun financiamento de 4,5 millóns, están en marcha.
Despois de incidir en que "o 42% do territorio galego está protexido" tras a declaración por parte da Unesco da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e de O Courel como Reserva da Biosfera, o presidente galego esgrimiu que "se está ordenando o territorio con medidas de protección, con rehabilitación de vivenda e con turismo sustentable".
Feijóo explicou que están en marcha actuacións por valor de 700.000 euros en materia paisaxística e que se dispuxeron axudas por valor de 1,7 millóns de euros para actuacións na área de rehabilitación integral.
Tamén se traballa na mellora de espazos públicos de interese patrimonial que se atopan deteriorados a través do Plan Hurbe. "Estamos a dedicar 1,3 millóns de euros para distintos convenios con estes concellos", recalcou.
Engadiu que o Plan prevé, ademais, o desenvolvemento de figuras de ordenación do territorio como o Plan de ordenación do medio físico de San Fiz de Asma (Chantada) ou o Plan territorial integrado para mellorar a ordenación urbanística dos 14 concellos considerados de máxima protección do BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra.
"OPORTUNIDADE HISTÓRICA"
Outro eixo de especial atención é a conservación e mellora dos elementos naturais neste espazo como as árbores, polo que se elaborou e definiu unha guía cunha ruta de árbores con historia de acceso libre e gratuíto desde a web da Xunta.
Igualmente, impulsáronse varios estudos e investigacións sobre o fenómeno global no sector do viño e reforzouse a rede de sistemas de observación, monitorización e bases de datos que Meteogalicia dispón na zona. "En suma, temos unha oportunidade histórica para estes concellos e, sen dúbida, pode haber un antes e un despois desde o punto de vista turístico", concluíu Feijóo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.