Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/09/2021 | Actualizada ás 18:23
A Xunta de Galicia informou de que realiza unha monitorización en tempo real da calidade do aire de Galicia para descartar posibles efectos da erupción do volcán Cumbre Vieja de La Palma. Meteogalicia está a observar a evolución da columna de dióxido de xofre (SO2) e de monóxido de carbono (CO), así como das partículas que se emiten pola erupción do volcán.
Así, a través das 48 estacións da rede de calidade do aire de Galicia, xunto coas dúas do Goberno estatal, monitóranse en tempo real os contaminantes emitidos, polo que no caso de que as concentracións se incrementasen, estas serían detectadas e poñeríase en marcha o Protocolo de actuacións en situacións excepcionais de contaminación atmosférica.
Nestes momentos, as concentracións destes contaminantes (SO2 e CO) rexistradas alcanzan niveis normais en Galicia e non se prevén cambios a curto prazo. En todo caso, o persoal da Dirección Xeral de Calidade Ambiental está atento a calquera cambio na evolución.
CHOIVA ACEDA
En canto á posibilidade de choiva aceda, este xoves non se esperan precipitacións, que si poden rexistrarse ao longo da xornada de mañá, na madrugada, e serían escasas e de tipo convectivo --puntualmente de forte intensidade e locais--.
De producirse, estas choivas arrastrarían o que nese momento estea sobre a columna atmosférica de Galicia e, dada a súa intensidade, só as primeiras pingas poderían ter un ph algo por baixo do normal, pero non a parte importante da precipitación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.