Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/09/2021 | Actualizada ás 18:27
O Consello Nacional do BNG reunirase este sábado por primeira vez desde o anuncio da súa portavoz nacional, Ana Pontón, de que abría unha reflexión persoal sobre o seu lugar no proxecto da formación frontista. Trátase dunha reunión monográfica para preparar a asemblea da formación, que se atopa en máximos históricos no Parlamento de Galicia con 19 deputados como segunda forza.
Non en balde, segundo fontes consultadas por Europa Press, a tese política que levará ao plenario da XVII Asemblea Nacional, e que agora ten que ser sometida a debate da militancia nas comarcas, parte dunha "vontade clara" de alcanzar a Presidencia da Xunta en 2024, obxectivo que o BNG incorpora por primeira vez dunha forma explícita ao documento político.
Este sábado aprobarase o regulamento da asemblea e o calendario, que contempla un mes de outubro con asembleas comarcais para o debate das achegas e emendas aos documentos antes da aprobación dun texto que se debaterá no plenario, o 7 de novembro e, previsiblemente, na Coruña, escenario en que Pontón se converteu por primeira vez en portavoz nacional.
En canto ao documento político, fontes nacionalistas confirmaron a incorporación da vocación real de "liderar" un goberno alternativo ao PP en Galicia, algo que se explica, ratifican estas mesmas fontes, nunha inédita situación histórica da formación: o grao de cohesión interna e un liderado que non ten contrapesos, o de Ana Pontón.
De feito, o anuncio feito pola líder nacionalista a finais do mes de agosto, a piques de arrincar o curso político, foi acollido en parte con sorpresa entre a militancia, xa que moitas son as voces que sosteñen que o BNG "non se entende" agora sen Ana Pontón e, menos, sen que sexa ela a candidata á Presidencia da Xunta nas próximas autonómicas.
Pero a lectura que fai a súa contorna tamén deixa entrever que a dirixente nacionalista, que colleu as rendas do BNG coa sangría interna e de votos tras a asemblea de 2012 en Amio, entronca coa necesidade de aglutinar a toda a militancia nesa vontade expresa que agora se recolle nos documentos de "liderar" a Xunta.
Para iso, Pontón, que mantivo o grupo parlamentario para o BNG en 2016 pese ao auxe das mareas, precisa mans libres para continuar coa súa idea de BNG "aberto" a aquelas persoas que "antepoñan os intereses de Galicia", segundo as súas propias palabras, un discurso que os seus rivais políticos ven máis 'amable' cara a fóra que o de anteriores dirixentes do Bloque.
"O momento histórico é unha parte central das teses políticas, unha das ideas forza. Por primeira vez na súa historia, ten a capacidade de poder liderar o Goberno de Galicia", explican as fontes consultadas, fronte ás expectativas das que partía en 2016.
Non é algo novo nas intencións de Pontón, que aínda non está previsto que desvele o seu papel futuro. O camiño deste catro anos para tratar de sumar máis apoios sociais marcoullo a mesma noite electoral do 12 de xullo de 2020, cando afirmou que os 19 deputados e situarse como segunda forza política era "un paso máis" para que a formación nacionalista sexa "forza hexemónica" e "lidere o cambio" en 2024.
A pesar da apertura desta reflexión, Pontón nin no verán de 2020 nin de 2021 a súa intención de alcanzar a Presidencia da Xunta (aínda que recoñeceu que sería liderando unha coalición, previsiblemente, co PSOE). Por iso, o golpe de efecto ante a militancia, salvagardando as súas razóns persoais, liga directamente coa necesidade de que o seu discurso non teña fisuras.
Nas teses organizativas tamén se incorporará, por tanto, a vocación expresada publicamente por facer un BNG "cada vez máis transversal, reforzando o contacto" con todos colectivos sociais, movementos cidadáns, empresariais e sectores culturais. "E cada vez sumar máis xente" a unha formación que, en palabras de Pontón, é hoxe en día a "máis transversal da historia do BNG", a pesar de que varias sensibilidades abandonaron no seu momento a formación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.