Todas as forzas políticas únense para esixir que a nova Lei do audiovisual non marxine o galego

BNG, PSdeG e PPdeG piden ao Goberno central que a nova lei iguale para a nosa lingua as cotas estabelecidas para o castelán nas plataformas dixitais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/09/2021 | Actualizada ás 18:10

Comparte esta noticia

Representantes do Partido Popular de Galicia, do Bloque Nacionalista Galego e do Partido Socialista de Galicia amosaron esta mañá xunto coa Mesa pola Normalización Lingüística no Parlamento de Galicia a petición unánime das forzas políticas galegas para que a nova lei xeral de comunicación audiovisual que ultima o goberno estatal inclúa o galego nas medidas de protección da dobraxe, da lexendaxe, das audiodescricións e do financiamento anticipado establecidas para o español.

'Queremos galego no audiovisual' pide ao Goberno central que iguale as cotas do castelán para o galego.
'Queremos galego no audiovisual' pide ao Goberno central que iguale as cotas do castelán para o galego.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, agradeceu o acordo amosado neste punto polas forzas políticas galegas e recordou que a Lei do audiovisual que se debaterá en próximas datas no Estado é unha transposición dunha directiva europea que busca garantir a difusión e creación nas linguas europeas. “Sen audiovisual non hai futuro para ningunha lingua nin cultura”, abondou, “e por iso a lei fixará unha cota mínima de dobraxe, lexendaxe, audidescricións e financiamento de producións no Estado Español por parte das plataformas de emisión audiovisuais (5% de ingresos)”.

Neste sentido, a popular Raquel Arias puxo en valor a unanimidade amosada tanto na voltación parlamentaria da Iniciativa Xabarín como nesta solicitude actual perante a lei estatal e recordou a importancia trascendental que ten a presenza da nosa lingua no audiovisual global para un sector económico que xa supón un 2% do PIB galego.

A nacionalista Mercedes Queixas salientou, pola súa banda, o aval das máis de 33.000 sinaturas coas que chegou a Iniciativa Xabarín ao Parlamento galego, “que demostraban o pulo social exemplar que merecía o acordo unánime dos partidos políticos desta cámara”. E a socialista Noa Díaz destacou a importancia deste consenso social e político que pide desde Galicia “a igualdade” entre as linguas oficiais dun Estado plurilingüe e explicou que confía que o proxecto que se presentará ao longo dos próximos días recolla “as modificacións que se solicitan, desde Galicia e desde outros territorios”.

Marcos Maceira advertiu que “é da máxima relevancia para o futuro da lingua galega” que a nova lei audiovisual inclúa a demanda unánime do Parlamento Galego e as alegacións presentadas pola entidade de defensa da lingua, baseadas neste acordo parlamentar. “Cómpre actuar nun dos ámbitos onde a situación de exclusión da nosa lingua é máis evidente”, recorda, “e que, ao tempo, é un dos máis empregados polo público en xeral e a mocidade e infancia e particular”. “Estes dous elementos converxen nun sector como audiovisual galego de calidade demostrada e grande capacidade para contribuír ao desenvolvemento cultural e económico do noso país”, conclúe Maceira.

 

A Mesa pola Normalización Lingüística enviou o pasado 10 de xullo as alegacións correspondentes á Lei Xeral de Comunicación Audiovisual á Secretaría de Estado de Telecomunicacións, solicitando o recoñecemento da pluralidade lingüística como principio básico; o estabelecemento dunha porcentaxe idéntica ao castelán nos contidos mínimos en galego e nas outras linguas cooficiais tanto para televisión como plataformas dixitais e mais no deber de financiamento anticipado a obra audiovisual europea; a incorporación do galego e das outras linguas cooficiais nos subtítulos, dobraxes e audiodescripcións, nos mesmos contidos que o castelán; a consideración da lingua galega como contido de interese xeral en audio ou texto escrito (dobraxe, subtítulos, audidescricións); que webs e outras interfaces de comunicación dixital coa persoa usuaria ou cliente incorporen as linguas oficiais; e asegurar a reciprocidade con Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta