Está o teu concello preparado para conter os impactos do cambio climático? Probablemente non

Galicia apenas presta interese á imperiosa necesidade de repensar e redeseñar infraestruturas e a arquitectura urbanística para adaptarse aos efectos da crise climática. O porto exterior da Coruña, por exemplo, é moi vulnerable a eses impactos. As urbes deberán tamén acometer mudanzas no deseño e construción de edificios. Lugo ten un proxecto pioneiro de adaptación urbanística.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/10/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Se vostede pregunta no seu Concello que se está a facer na súa localidade para conter os impactos do cambio climático xa presentes, e os futuros, posiblemente lle dirán que se está limitando o tráfico no centro urbano, que se crearon carrís bici e zonas peonís, que se plantaron máis árbores… Pero ademais de políticas para reducir as emisións de gases contaminantes e mellorar as condicións medioambientais –que é unha cuestión diferente, aínda que complementaria, á que nos ocupa–, cabe preguntarse se realmente as nosas cidades e vilas se están preparando para adaptarse aos cada vez máis recorrentes eventos extremos causados polo cambio climático, como ondas de calor, secas, chuvias torrenciais, inundacións pola suba do nivel do mar, fortes ventos ou embates mariños cada vez máis severos. A resposta pode que sexa “non”.

Greenpeace documenta a seca no Encoro Belesar en Portomarín, Lugo.
Greenpeace documenta a seca no Encoro Belesar en Portomarín, Lugo.

No outro lado do océano, en Estados Unidos, cidades como Nova York tomaron en serio o cambio climático como unha emerxencia ante a que hai que actuar con apuro, repensando e mudando a propia arquitectura da urbe, transformando e mesmo trasladando infraestruturas, deseñando novos espazos sostibles pero tamén seguros… Na cidade máis cinematográfica do planeta, a oficina do alcalde xa puxo en marcha un plan para destinar nada menos que 18.200 millóns de euros a implementar cambios profundos de adaptación á crise climática.

Nova York ten un plan urbanístico para conter a suba do nivel do mar ou para acondicionar a cidade para soportar ondas de calor extremas e chuvias torrenciais

Por exemplo, para paliar o impacto do aumento da calor, o Concello neoiorquino, ademais de plantar máis árbores, está incrementando as superficies reflectoras. Como curiosidade: unha das actuacións do plan céntrase en pintar os teitos de edificios de cor branca, a cal non absorbe tanta calor solar como as cores escuras, e pode reducir as facturas de enerxía ata nun 30 % durante o verán. Non só iso. En Nova York estanse tamén identificando novos materiais de construción e desenvolvendo sistemas de sensores para reforzar o control ambiental en tempo real.

A ameaza de inundacións pola suba do nivel do mar e por chuvias torrenciais abórdase cun plan extaordinario que inclúe, por exemplo, a construción de muros de contención ou a transformación de áreas de costa post-industrial no East River, en Long Island City, onde o parque Hunter’s Point South é un novo modelo de ecoloxía urbana e un laboratorio para o deseño innovador e sostible, que actúa ademais como fortificación, cunha zona  pantanosa pensada para absorber as inundacións causadas polas tormentas e o aumento do nivel do mar, mentres que outeiros, bermas e muros de formigón bloquean ou reconducen as augas para protexer a zona de inundacións.

Inundacións en Carballo
Inundacións en Carballo | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo.

Tamén hai un plan de actuación sobre grandes infraestruturas que se verán afectadas. Por exemplo, Meadowlands, zona de oito hectáreas situada a oito quilómetros da cidade, alberga unha infraestructura esencial de almacéns, trasporte de cercanías, trens de carga e estradas cara a grande urbe. O plan de adaptación ao cambio climático contempla a eliminación gradual desas infraestruturas para ceder espazo á auga e convertelo nun parque nacional de humedais que crecerá a medida que aumente o nivel do mar.

O plan tamén esixe que as centrais eléctricas se modernicen, substitúan, preserven ou recoloquen, en función de cada caso, e suxire instalacións a proba de inundacións, cando sexa posible, elevándoas.

E ante o risco de que o aeroporto de Teterboro (Nova Jersey) –que manexa gran parte da carga con destino a Nova York– quede moi probablemente anegado a mediados de século, o plan require o seu peche paulatino. Ademais, os aeroportos de Newark e JFK deberían ampliarse, segundo o plan, para soportar a capacidade adicional.

Outra actuación é a modernización de todo o sistema de metro para evitar inundacións e cortes de electricidade; actuación financiada, en parte, con fondos obtidos das tarifas dos condutores que entran na cidade.

Londres hai xa tempo que puxo en marcha obras para evitar o asolagamento dunha boa parte da cidade a través do río Támese

Mentres, en Europa, por exemplo, enxeñeiros propuxeron levantar dous descomunais diques, de 475 e 160 quilómetros de longo, para pechar o Mar do Norte e protexer a 25 millóns de persoas da suba do nivel do mar e das inundacións.

E Londres xa acometeu –e seguirá mellorando e ampliando– a construción de infraestruturas e barreiras ao longo do río Támese, para conter a suba do mar e evitar o asolagamento dunha ampla parte da cidade na que residen arredor dun millón de persoas.

Son só algúns exemplos. E agora pare e volva pensar seriamente que están a facer –ou deixar de facer– no seu Concello, na Xunta de Galicia e no Goberno de España non só para reducir as emisións de gases contaminantes, tamén para conter os inevitables impactos do cambio climático, cos que xa estamos sendo azoutados. Probablemente non atope moitas respostas satisfactorias, malia as advertencias e consellos da comunidade científica para a necesaria e urxente adaptación urbanística a esta emerxencia climática.

SÓ 16,5 MILLÓNS PARA ADAPTARSE AO CAMBIO CLIMÁTICO EN GALICIA

Mentres en Nova York o investimento para mitigar os impactos do cambio climático na cidade e adaptarse a estes é multimillonario (recordemos, 18.200 millóns de euros), en Galicia, a Xunta destina tan só 16,5 millóns a plans de adaptación.

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou recentemente que durante o primeiro ano de vixencia da Estratexia de cambio climático e enerxía 2050 se executaron máis de 317 millóns de euros, dos cales tan só 16,5 millóns foron destinados ao bloque dedicado ás accións de adaptación á crise climática.

No primeiro bloque, o de mitigación, concentrouse a maior execución, con preto de 268 millóns de euros, incluíndo iniciativas como a posta en marcha de alternativas para unha mobilidade máis sustentable, co cambio a transportes máis eficientes e impulsando o transporte colectivo (132,6 millóns de euros); a mellora da capacidade de absorción do sector forestal e fomento dos produtos madeireiros como depósitos de carbono, a través, por exemplo, do uso da madeira fronte a outros materiais (43,3 millóns); ou a implantación da cultura da eficiencia enerxética, con axudas á vivenda, ás persoas en situación de pobreza enerxética e á instalación de renovables (22 millóns).

Así mesmo, e coa intención de converter o sector primario en hipocarbónico, resaltou un investimento de 22 millóns de euros na xestión do gando; ademais dunha achega de 7,5 millóns para o fomento da compostaxe, a redución do desperdicio alimentario e a dotación de colectores.

Dos 317 millóns de euros que executou a Xunta coa Estratexia de cambio climático e enerxía 2050, só 16,5 millóns son para adaptación ao cambio climático

Mentres, para o segundo eixo, o de adaptación, houbo un orzamento de preto de 16,5 millóns para a consolidación dunha estrutura de redes de observación como instrumento de mellora da monitorización, a través de traballos para o desenvolvemento da investigación, seguimento e medidas de adaptación ao cambio climático; e acadar un sector agrícola adaptado ao cambio climático, a través da loita contra o abandono e a recuperación de terras, así como co asesoramento ás explotacións.

O único ao que se remitiu o presidente galego para reducir a vulnerabilidade da poboación ante os riscos xerados polo cambio no clima foi a posta en marcha de medidas destinadas á mellora da dotación de equipamentos, instalacións e infraestruturas de Protección Civil, entre outras. Nada sobre políticas de redeseño e adaptación do urbanismo e infraestruturas en cidades e vilas, malia que, por exemplo, boa parte da costa galega corre risco de ser anegada de aquí ao 2050.

Como terceiro eixo sitúase a investigación. Neste eido, tamén fundamental, destináronse de momento tan só algo máis de 6,5 millóns para fomentar o intercambio de coñecemento entre os diferentes axentes implicados, así como para promover a investigación e innovación.

Por último, a restante execución, máis de 26 millóns de euros, enmárcase dentro do bloque de dimensión social, gobernanza e sensibilización. E, entre as medidas deste cuarto eixo, Feijóo ubliñou a aposta por unha administración pública exemplar en materia de cambio climático, con actuacións de eficiencia enerxética en centros sanitarios, administrativos, sociais, educativos, universitarios e culturais. Ademais da creación da Oficina técnica do Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía, a través da cal 271 concellos que representan o 80% da poboación galega xa se comprometeron a reducir as súas emisións.

Tentar frear o cambio climático é unha obriga común de todos os países, pero adaptarse aos impactos que xa se están producindo, e que irán en aumento, é un deber particular de cada cidade e rexión do mundo, tamén das galegas.

Os expertos do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático da ON constatan que algúns efectos do cambio cimático xa son irreversibles

O 9 de agosto de 2021, fíxose público o sexto informe do Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático (IPCC, polas súas siglas en inglés), elaborado por expertos de todo o mundo reunidos pola ONU. O documento é un último aviso á humanidade para frear a hecatombe climática e unha constación de que algúns efectos xa son irreversibles, polo que non hai máis marxe de tempo; as mudanzas na configuración das nosas cidades e vilas teñen que comezar xa.

ESTÁN OS PORTOS PREPARADOS CONTRA A SUBA DO MAR?

Este ano, por exemplo, investigadores da Universidade de Vigo, do grupo REDE: Investigación en Economía, Enerxía y Medio Ambiente, publicaron os resultados dun estudo para a adaptación dos portos marítimos aos retos do cambio climático. Concretamente, elaboraron un índice de resiliencia portuaria, isto é, a capacidade de resistencia dun porto aos impactos do cambio climático; información útil que permitiría aos xestores de portos e autoridades locais, autonómicas e estatais desenvolver programas de continxencia eficientes, como en Nova York, no canto de estar a velas vir.

A organización científica Climate Central publicou en 2019 un estudo sobre o aumento do nivel do mar –causado pola contaminación de gases de efecto invernadoiro e o desxeo dos polos–, que deu como froito un mapa interactivo con proxeccións para 2050 sobre áreas costeiras con risco de ser anegadas polo mar en todo o mundo. En Galicia, practicamente todos os portos están en perigo.

“Os portos son infraestruturas críticas non só pola súa gran vulnerabilidade a tales fenómenos, senón tamén pola súa importancia fundamental nas cadeas de subministración globais. Por iso necesitamos indicacións que nos permitan determinar a capacidade de resistencia dun porto aos distintos desafíos que presenta o cambio climático e tomar medidas preventivas para garantir que o porto poida funcionar correctamente ao longo do tempo”, explican os investigadores da UVigo que asinan a nova achega sobre a resilencia das zonas portuarias.

Os expertos validaron o seu índice de resiliencia operativa no porto exterior da Coruña, “escollido polas súas condicións especialmente adversas e porque en España é probable que os efectos do cambio climático sexan especialmente prexudiciais”, aclaran.

“Os resultados mostran que este porto ten un índice de resiliencia global do 52% e que a súa infraestrutura, instalacións e contorna operativa contra o desafío do cambio climático son especialmente sensibles”, destacan os autores do estudo.

Co obxectivo de medir a resiliencia operativa da zona portuaria, a metodoloxía propón, en primeiro lugar, a identificación dos posibles riscos climáticos e oceánico-meteorolóxicos derivados do cambio climático e os procesos críticos para manter a operatividade das infraestruturas. Ao cruzar eses datos, establécese unha serie de escenarios de risco que poden comprometer a continuidade dos procesos portuarios.

As infraestruturas, instalacións e contorna operativa do porto exterior coruñés son "especialmente sensibles” aos fenómenos derivados do cambio climático

En segundo lugar, e como explican, analízase a capacidade dunha serie de factores de resiliencia, agrupados en cinco dimensións de catro factores cada un, para moderar os escenarios de risco identificados. Esas dimensións son gobernanza, sociedade, infraestruturas e instalacións, contorna operativa, e xestión de riscos.

“O resultado é un índice composto que proporciona a xestores e responsables políticos unha ferramenta para tomar decisións, que lles permite, por unha banda, identificar as áreas nas que é necesario intervir e, por outra, establecer que medidas poden ter un maior impacto na redución do risco”, expoñen.

Os resultados amosan que o porto exterior coruñés ten un nivel de resiliencia do 51,8% e que as dimensións relacionadas coa infraestrutura e instalacións (48,1%) ou os procedementos de aprendizaxe e xestión de riscos (47,5% e 37%, respectivamente) son especialmente sensibles.

Aínda que a situación ideal sería un nivel de resiliencia do 100%, os investigadores recoñecen que “isto non parece factible, porque o custo necesario para alcanzar este limiar non xustificaría as melloras obtidas”. “Estimamos que, como con outros índices de natureza similar, un rendemento de arredor do 80% sería un obxectivo razoable”, valoran os expertos. Por iso, conclúen que o índice de resiliencia do porto da Coruña “está ata un 28% por debaixo da situación óptima desexable, é dicir, cun nivel de cumprimento do 65% respecto á situación óptima”.

No estudo observouse que a dimensións con maior capacidade de mellora na protección portuaria contra o cambio climático son, por esta orde, a xestión de riscos, a educación e formación do persoal, e a infraestrutura e equipamento.

“Con base nestes resultados, parece razoable adoptar unha serie de medidas que, sen requirir custos elevados, poderían contribuír moi positivamente a elevar cada unha destas dimensións para acadar o PRI obxectivo do 80%. Por exemplo, a implementación de programas de formación sobre o cambio climático —dentro dos plans de formación para o persoal portuario— ou a implementación dun sistema de vixilancia tecnolóxica que permita identificar as mellores prácticas de adaptación do porto ao cambio climático, entre outros, poderían contribuír en gran medida a reforzar estas dimensións máis débiles”, describen.

Tamén consideran que a dixitalización da recollida e a transmisión de información ao longo da cadea de subministración, e dos plans de emerxencia, favorecerían o seguimento dos distintos indicadores claves de desempeño que poden afectar a continuidade operativa, así como o establecemento de programas máis eficientes para unha mellora continua.

En definitiva, conclúen, “a análise dos distintos factores de resiliencia permite aos xestores de portos e aos responsables políticos centrar as súas accións nos factores que teñen o maior impacto da resiliencia. Isto debería levar a un mellor uso dos recursos e plans de continxencia máis eficientes” contra os impactos derivados do cambio climático.

O estudo, publicado na revista científica internacional Marine Policy, está asinado por Fernando León Mateos, Antonio Sartal, Lucas López Manuel e María A. Quintás.

A Xunta tan só achegará 132.000 euros para financiar a adaptación dos portos autonómicos ao cambio climático, destinados a estudos

E agora, se miramos o investimento que dedicará a Xunta á protección dos portos galegos fronte ao cambio climático, este só pode ser cualificado como ridiculamente escaso.

En setembro deste ano, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, e do Mar, anunciaron a súa colaboración, mediante un convenio, para adaptar os portos autonómicos galegos a esta emerxencia climática. A idea é elaborar plans de acción necesarios para adaptar os terreos de cada zona portuaria, así como as súas infraestruturas.

Pero todo o que achegará o departamento que dirixe Ángeles Vázquez para magno reto serán tan só 132.000 euros, dedicados a financiar os traballos que abordará o organismo autonómico Portos de Galicia e que consistirán na elaboración de estudos para coñecer a vulnerabilidade de cada tramo de costa fronte aos efectos do quecemento global. É dicir, imos con retraso.

ADAPTACIÓN DE EDIFICIOS AO CAMBIO CLIMÁTICO

Outro equipo de investigadores, neste caso da Universidad de Granada, vén de actualizar as zonas climáticas de 49 cidades na España peninsular utilizadas actualmente no Código Técnico da Edificación (CTE), marco normativo que establece as esixencias que deben cumprir os edificios en relación cos requisitos básicos de seguridade e habitabilidade. O CTE divide o territorio de España en zonas climáticas que determinan as esixencias en materia de eficiencia enerxética ás que se deben someter os edificios construídos en cada localidade, en función da zona climática na que se atope, que se establece dependendo da severidade climática do invierno e do verán.

Os retos e desafíos derivados do cambio climático obrigan a repensar e redeseñar o urbanismo e, en particular, as edificacións de cidades e vilas. “É esencial deseñar edificios que asuman a dinámica do clima ao longo de todo o seu ciclo de vida, garantindo o desenvolvemento dun parque edificable que é certamente sostible e resistente”, explican os investigadores da Universidad de Granada, que demostraron no seu estudo que dous terzos das urbes analizadas “están a deseñar e construír actualmente edificios con datos climáticos obsoletos que non teñen en conta a realidade climática actual ou futura, o que está a afectar significativamente os cálculos anteriores sobre o rendemento enerxético dos edificios”.

No estudo, recén publicado, incluíronse, entre esas 49 urbes, A Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra.

A maioría de urbes “está a deseñar e construír actualmente edificios con datos climáticos obsoletos"

Para o período 2015–2018, os investigadores non observaron cambios significativos nas zonas climáticas do norte (País Vasco e Cantabria), noroeste (Galicia ), suroeste (Huelva) e parte oriental de Andalucía. “Isto débese a que estas rexións non tiveron un cambio climático tan notable nas súas áreas, en comparación co período para o que se produciu o documento CTE”, clarifican. Porén, en amplas áreas do sur de España e na costa mediterránea certificaron cambios máis acusados, observando que o 35% das urbes sufriron cambios na súa zona climática invernal, pasando a ser zonas máis cálidas en comparación coas zonas climáticas que marca o CTE.

De cara ao futuro, nos escenarios moderado e pesimista sobre a evolución do cambio climático, calculan que o 92% das cidades analizadas cambiarán as súas zonas climáticas por outras máis cálidas en comparación co documento CTE.

En concreto, para o período 2055, 24 cidades cambiarán a súa clasificación por outra máis cálida e 21 urbes serán dúas zonas máis cálidas (por exemplo, Barcelona cambiará da zona C a zona A). Do mesmo xeito, para 2085, 28 cidades cambiarán a súa zona por unha máis cálida e 17 cidades serán dúas zonas máis cálidas.

No caso das localidades galegas analizadas, todas mudarían a súa zona climática no futuro, o cal debería obrigar a redeseñar as edificacións.

Os expertos consideran necesario “realizar un deseño de edificios que non só mitigue os efectos do cambio climático, senón que tamén se adapte a estes”.

A adaptación de portos e edificios ás novas condicións climáticas son só unha parte da vasta e complexa problemática que é necesario abordar desde xa, e que obrigará a mudar amplamente a paisaxe artificial de Galicia. E non hai máis tempo que perder.

LUGO, PIONEIRA

Lugo é un caso excepcional. A cidade está sendo pioneira no deseño de estratexias non só para reducir as emisións contaminantes, senón tamén na mitigación dos impactos e na adaptación a estes, mediante a posta en marcha do proxecto LIFE Lugo + Biodinámico, liderado polo concello da cidade, en colaboración coa Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidad Politécnica de Madrid, con apoio económico da Unión Europea.

O novo barrio multiecolóxico da Garaballa é un proxecto disruptivo no urbanismo lugués, con solucións verdes e arquitectónicas innovadoras

O obxectivo é poñer en práctica na cidade unha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións de escala intermedia de barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos resilientes e adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

O proxecto inclúe 11 accións de implementación, entre as que se pode destacar a creación dun arboretum de cinco hectáreas que reproduza os hábitats naturais de Galicia mediante a plantación de numerosas especies de arbustos e árbores autóctonos, a plantación de cultivos enerxéticos na contorna urbana, a recuperación dun humidal ou a construción dun edificio piloto de baixa enerxía, e de uso público, construído en madeira e que incorpora fachadas vexetais interiores e exteriores, e unha superficie dedicada a hortos urbanos comunitarios.

Tamén destaca a creación de novas areas residenciais que se ordenan como “Zonas de Confort Climático (ZCCR)” e que se pretende que conformen unha “rede acolledora de espazos” para os cidadáns, ante as condicións microclimáticas da contorna urbana.

No marco destas actuacións, un dos proxectos estrela é a construción do barrio multiecolóxico da Garaballa, no norte da cidade, e que supón un cambio de rumbo no urbanismo lugués, baseado no concepto de aldea urbana, coa creación de vivendas autosuficientes, adaptadas á topografía e con criterios de alta eficiencia enerxética que incluirán desde a recollida de pluviais a sistemas de mellora de calidade do aire, pasando por balcóns e cubertas nos que se poidan plantar cultivos en altura que reducen no 95 % o uso da auga. 

Calor extremo
Calor extremo | Fonte: EP.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta