Por E.P. | PONTEVEDRA | 10/10/2021 | Actualizada ás 16:13
A Deputación de Pontevedra aprobou a segunda convocatoria das bolsas 'Depo_Dan' e 'Depo_Promesa', dotadas con 51.000 euros, para os deportistas de alto nivel e promesa.
O obxectivo destas bolsas, segundo informou o organismo provincial nun comunicado, é ofrecer a posibilidade a aqueles deportistas que non accederon ás bolsas en 2021 "ao non poder solicitala por diferentes circunstancias, como atoparse nos Xogos de Tokyo ou estar en grupos burbulla".
Esta nova convocatoria, igual que a primeira, baséase na concorrencia competitiva e posibilitarán a participación dos deportistas en competicións internacionais e nacionais. Segundo indican, estarán destinadas "a unha ampla variedade de disciplinas", que van desde o piragüismo, salvamento e socorrismo; karate, e ata deportes como esgrima, montañismo, natación, xadrez ou kickboxing.
SEMINARIO FEMINISTA
Por outra banda, a Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación de Pontevedra impartirá, desde o próximo 21 de outubro e ata o 9 de decembro, o curso en liña 'Debates Teóricos e Axenda Política Feminista', "impartido por mulleres referentes a nivel nacional e internacional, na súa maioría docentes universitarias".
CURSOS EN LIÑA
O organismo provincial, a través de SmartPeme, ofrece tamén durante esta próxima semana catro novas accións formativas en liña, que versarán sobre a utilización de Instagram enfocado á empresa, o Copywriting aplicado á web, a fabricación dixital e os motores de reservas para empresas turísticas.
As persoas interesadas poden inscribirse a través da páxina web de SmartPeme no url de cada evento. Tamén é posible facelo enviando un correo electrónico a info.smartpeme@depo.es ou no teléfono 886 202 020.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.