Dúas firmas galegas desenvolven kits para mellorar o tratamento de varios cancros

A iniciativa, do sistema sanitario andaluz e financiada polos fondos FEDER, actuará sobre o cancro de mama, pulmón e colon.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/10/2021 | Actualizada ás 18:55

Comparte esta noticia

As firmas biotecnolóxicas galegas AMSlab e Nasasbiotech desenvolverán un novo proxecto, denominado Biopsia Líquida, que busca solucións, mediante kits non invasivos, para mellorar o tratamento do cancro de mama, colon e pulmón.

Este é unha das primeiras iniciativas asociadas á Compra Pública de Innovación Diagnóstico e Tratamento de Precisión en Enfermidades Infecciosas e Cancro e, impulsado polo Servizo Andaluz de Saúde, pretende "identificar necesidades asistenciais non cubertas" --servizos e produtos avanzados que aínda non están no mercado-- "para que a industria ofreza solucións innovadoras".

O laboratorio lucense AMSlab e Nasasbiotech, con sede na Coruña e especializado no desenvolvemento de solucións clínicas para o diagnóstico, prognóstico e tratamento do cancro --ambas as socias do Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga)--, resultaron adxudicatarias a través dunha Unión Temporal de Empresas (UTE) para desenvolver o Proxecto Biopsia Líquida.

A investigación realizará probas de precisión non invasivas que permitan a identificación e caracterización de biomarcadores en sangue para a personalización e monitorización do tratamento a pacientes. O proxecto non só trata de conseguir mellorar o diagnóstico e prognóstico dos pacientes, senón tamén a eficacia das terapias. Isto, sinalan, incidiría "na saúde da persoa afectada pola enfermidade e tamén na sustentabilidade do sistema sanitario".

KITS DIAGNÓSTICOS NON INVASIVOS

Así, Biopsia Líquida pretende obter kits diagnósticos que permitan a identificación e caracterización de biomarcadores en sangue (a través de células tumorales circulantes, CTCs, e vesículas extracelulares,EVs) de forma non invasiva, "facendo posible un seguimento do paciente e a detección precoz de potenciais recaídas, así como a monitorización da resposta ao tratamento dunha forma personalizada".

Ademais, busca alcanzar a validación e establecemento de plataformas innovadoras dunha guía clínica integral adecuada sobre análise de biopsia líquida baseada en biomarcadores sanguíneos (CTCs e EVs), "que irá desde a recollida de mostra ata a decisión clínica".

Esta iniciativa está cofinanciada ao 80% con fondos FEDER procedentes dos Programas de Fomento da Innovación desde a Demanda en Saúde (FID-SAÚDE), que xestiona o Ministerio de Ciencia e Innovación en colaboración coas comunidades autónomas, así como con fondos propios do Servizo Andaluz de Saúde (SAS).

Kits non invasivos de Biopsia Líquida. AMSLAB
Kits non invasivos de Biopsia Líquida. AMSLAB | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta