Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 18/10/2021 | Actualizada ás 16:57
A columna de dióxido de xofre (SO2) procedente do volcán Cumbre Vieja na illa da Palma, en Canarias, podería chegar a Galicia ao longo da xornada deste luns. Así o indican as predicións do servizo de monitoreo da atmosfera Copernicus (CAMS), a partir das observacións realizadas polo sistema de satélites para rastrexar a dirección e a concentración na atmosfera da corrente de SO2 emitida pola erupción.
O equipo de MeteoGalicia, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, está monitorando e rexistrando en tempo real os distintos tipos de contaminantes procedentes do volcán, aínda que todos os valores rexistrados ata o momento sitúanse nos parámetros normais.
"Calquera incremento dos seus niveis de concentración sería detectado de inmediato", aseguran desde o Goberno galego. En todo caso, a súa influencia manteríase unicamente ata este martes, cando se espera que a columna se afaste de Galicia.
En caso de estimarse necesario, a Xunta poría en marcha o protocolo de actuación en situacións excepcionais de contaminación atmosférica, aínda que insiste en que todos os indicadores "son absolutamente normais" ata o momento e o persoal responsable da rede de calidade do aire de Galicia "permanece atento a calquera posible cambio na situación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.