Cetaqua Galicia celebra dez anos de colaboración público- privada na investigación científica do ciclo da auga

O presidente da Xunta, que asistiu ao aniversario en Santiago de Compostela, avanzou que o Consello prevé destinar 40 millóns de euros no ano 2022 a avanzar no saneamento das rías galegas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/10/2021 | Actualizada ás 10:48

Comparte esta noticia

Cataqua Galicia, a Fundación Centro Gallego de Investigaciones del Agua, vén de celebrar o seu décimo aniversario para pór en valor a súa creación: un "modelo pioneiro de colaboración público-privada para a investigación e a innovación" entre Viaqua, a Universidade de Santiago de Compostela e o CSIC. O acto tivo lugar na sede de Viaqua en Compostela e a el asistiron o presidente da Xunta de Galicia, D. Alberto Núñez Feijóo, o alcalde de Santiago, D. Xosé Sánchez Bugallo e o presidente de Agbar, D. Ángel Simón Grimaldos.

Décimo aniversario de Cetaqua Galicia en Santiago de Compostela.
Décimo aniversario de Cetaqua Galicia en Santiago de Compostela. | Fonte: remitida

Na celebración deste aniversario destacaron que Cetaqua Galicia desenvolveu, dende a súa constitución a finais de 2011, máis de 80 proxectos de I+D+i de diferentes tipoloxías e alcances, que mobilizaron un orzamento total de 40 millóns de euros e contribuíron a posicionar a esta fundación como un "centro referente a nivel autonómico e nacional na aplicación do coñecemento científico ao ciclo da auga, especialmente no ámbito do tratamento e valorización das augas residuais". Así mesmo, sinalaron que o impacto local da actividade xerada polas entidades que forman AquaHub A Vila da Auga, supoñerá o mantemento anual de máis de 900 empregos.

Os patróns de Cetaqua Galicia  participaron no acto mediante vídeo onde, o reitor da Universidade de Santiago, D. Antonio López, declarou que Cetaqua Galicia é “a conexión necesaria, e pola que a Universidade apostou sempre, entre o coñecemento, a investigación e a transferencia de resultados para favorecer ao tecido produtivo e as solucións tecnolóxicas que as empresas poden poñer en marcha.”

Por outra banda, a presidenta do CSIC, Da Rosa Menéndez, falou sobre a importancia do labor de Cetaqua Galicia para o presente e para o futuro “porque se trata de garantir que a auga teña a calidade necesaria e de preservala”. A continuación, D. Ángel Simón, presidente de Agbar, compañía á que pertence Viaqua, que á súa vez é patroa de Cetaqua, destacou que "ambicionamos ser unha empresa tractora no proceso de reconstrución que afrontamos, levando a cabo unha importante transformación cuxo valor diferencial é situar sempre ás persoas e á sociedade no centro da nosa estratexia”.

Na clausura, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, felicitou a CETAQUA Galicia por estes dez anos de traballo e sitouna como un exemplo de xestión eficaz e eficiente da auga e da relevancia da colaboración público-privada. Finalmente, o máximo mandatario galego tamén avanzou que o proxecto de Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma que onte aprobou o Consello da Xunta prevé destinar 40 millóns de euros no ano 2022 a avanzar no saneamento das rías galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta