Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 11:04
Peritos da Policía Nacional desprazados desde Madrid volveron a inspeccionar o vehículo que utilizaba o principal sospeitoso na investigación pola morte da moza Déborah Fernández Cervera, segundo confirmou a irmá da vítima e portavoz da familia, Rosa Fernández Cervera, quen lamentou a forma na que levou a cabo esa inspección.
Así, en declaracións aos medios ás portas do xulgado de Tui --onde este xoves declaran novas testemuñas neste caso--, Rosa Fernández explicou que o pasado 30 de setembro a Policía Científica accedeu a ese vehículo, que está nun garaxe familiar, pero, "por problemas técnicos" non puideron sacalo ao exterior e tivo que realizar alí mesmo o seu traballo "coas limitacións que iso leva".
Respecto diso, a portavoz da familia criticou que esa inspección non se fixo nun laboratorio, con todos os medios posibles e nas mellores condicións. "Pedimos que se fagan as análises como corresponde", afirmou.
O caso polo asasinato de Déborah Fernández Cervera, cuxo cadáver foi localizado en maio de 2002 dez días despois de desaparecer, prescribiría en maio do ano que vén, polo que a súa familia urxe que se axilicen os prazos das dilixencias. Esa conta atrás pararíase se alguén é citado a declarar como investigado.
DECLARACIÓN DE TESTEMUÑAS
Este xoves o Xulgado número 2 de Tui acollerá novas declaracións de testemuñas no marco desta investigación. Así, aínda que inicialmente estaba prevista a comparecencia de cinco persoas, finalmente declararán tres testemuñas, xa que os outros dous "non foron notificados a tempo", segundo a familia.
A xuíza poderá escoitar a Nuria, curmá de Déborah, e a última persoa que a viu con vida o 30 de abril de 2002. E será a súa primeira declaración nun xulgado en 19 anos. "É que ten guasa", ironizou a irmá da vítima.
Ademais desta familiar, tamén declararán dous axentes de policía: o que abriu a instrución en 2002 e o axente que en 2008 dirixiu a última investigación policial, xusto antes de que se arquivase o caso en 2010 (a causa reabriuse en 2019).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.