O PSOE de Ourense acusa a Baltar de conceder proxectos "a dedo" nunha "feira do caciquismo"

Os socialistas veñen de presentar alegacións aos orzamentos da Deputación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2021 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Ourense presentou alegacións aos orzamentos da Deputación para o 2022 co fin de que o presidente provincial, Manuel Baltar, "deixe de usar o diñeiro público partidistamente para intereses persoais". Os socialistas acusan o presidente provincial de empregar unha "concesión indiscriminada e masiva" das subvencións, dos fondos e "de proxectos a dedo" no que consideran "unha feira do caciquismo que vulnera a lei e a Constitución".

Estas alegacións súmanse a unha iniciativa que o partido defenderá no pleno de novembro para pedir que as institucións estatais actúen ante "o constante enfrontamento do PP de Baltar contra a democracia". Deste xeito, asegura, instan o Goberno central e á Federación Española de Municipios e Provincias a que impulsen unha normativa para determinar criterios obxectivos e equitativos de distribución dos fondos públicos das deputacións entre os municipios.

O viceportavoz socialista, Nacho Gómez, afeou que "non hai lexislación que aguante o que pasa na Deputación de Ourense a nivel europeo", sinalando que a veciñanza "paga de forma xusta e equitativa" os impostos pero logo "os fondos distribúense inxustamente". "Isto non vai terminar nunha cuestión administrativa porque imos seguir dando a batalla", afirmou.

Na mesma liña mostrouse o secretario provincial da formación, Rafa Villarino, trasladando que están a estudar todas as medidas posibles e, entre elas, "tamén as legais que correspondan".

MAIOR TRANSPARENCIA

Así pois, defenden que "o esperado nun Estado Social e de dereito" é que a Administración Pública xestione o gasto con criterios de equidade algo que, recriminan, "non sucede no proxecto orzamentario aprobado para a Deputación de Ourense".

"Converteron en regra xeral o que é unha excepción, as subvencións nominativas", criticaron antes de reclamar unha maior transparencia "salvo que de forma expresa e intencionada preténdase vulnerar o estipulado na lei". "Pretendemos que os fondos se atribúan territorialmente con criterios obxectivos reducindo drasticamente a discrecionalidade na asignación", concluíron.

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, no 18º Congreso Provincial do partido
O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, xunto ao presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, no 18º Congreso Provincial do partido | Fonte: PPdeG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta