Por Galicia Confidencial | Compostela | 23/10/2021 | Actualizada ás 11:00
A Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres vén de cumprir o seu 20 aniversario nun ano marcado pola pandemia e agora, xa con 21 anos de vida, busca celebrar todo o tempo adicado a construír "un feminismo de base, anticapitalista, antirracista e antiimperialista na Galiza". Por iso, a Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres organizará o próximo 20 de novembro un Encontro Nacional na Estrada. Para "rearmarse, redefinir as prioridades e os espazos de loita, reforzar unha reivindicación radical da transformación social e construír redes de traballo sólidas".
Así, o encontro servirá para pór en común os eixos de traballo que ocupan o día a día "alén das datas de reivindicación histórica". Tamén, segundo apuntan dende a organización, para resituar os debates e as consecuencias que para as mulleres traballadoras galegas ten o "patriarcado capitalista, racista e colonial" e cales son os retos e as ideas para enfrontalos.
A Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres, así mesmo, reivindica todas as contribucións que ao longo destes anos teñen construído un "percurso histórico cheo de reivindicacións e conquistas sociais que hoxe continúan e seguen medrando". E lembran, por exemplo, o seu impulso e participación na mobilización das mulleres ante a catástrofe do Prestige, o nacemento dun protocolo nacional de resposta ante os feminicidios, ou a recente "victoria de impedir o peche do paritorio de Verín que demos en alianza coas compañeiras da sanidade pública e as veciñas da comarca".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.