Ames impulsa un taller de xoguetería erótica para avanzar no autocoñecemento e creatividade sexual da mocidade

O obradoiro busca dar unha visión global da sexualidade, afastándoa de tendencias xenitalistas e coitocentristas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/10/2021 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

Facilitar o autocoñecemento da anatomía, a fisioloxía e a resposta sexual humana, así como dar resposta a diversos aspectos fisiolóxicos e psicolóxicos da corporalidade, é o obxectivo da nova actividade incluida no programa (con)sentido sobre sexualidade positiva e saudable ofrecida pola Concellaría de Mocidade de Ames.

Obradoiro de xoguetería erótica do Concello de Ames
Obradoiro de xoguetería erótica do Concello de Ames

A actividade en cuestión, un obradoiro de xoguetería erótica que combinará unha sección expositiva e unha práctica na que os participantes elaborarán un xoguete erótico, terá lugar o sábado 30 de outubro no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, de 10:00 a 13:00 horas. “Xoguetería erótica DIY” está dirixido a mozas e mozos a partir dos 14 anos, e conta cunha capacidade máxima de 15 participantes. A inscrición xa está aberta, cumprimentando esta ficha de inscrición e enviándoa ao enderezo electrónico con.sentido@agasex.org.

 XOGUETES "DO IT YOURSELF"

O obradoiro será impartido polas sexólogas de AGASEX e comezará cunha introdución na que se ofrecerá información relativa á anatomía e a fisioloxía sexual, os corpos, as zonas eróxenas, a resposta sexual humana, o pracer e o autoerotismo.  Ademais, analizaranse e presentaranse diferentes alternativas e materiais de uso cotián que se poden empregar como obxectos evocadores de sensacións eróticas, para máis tarde propoñer a realización dos xoguetes.

A xoguetería elaborada, apuntan dende o Concello,  terá en conta a "diversidade de corpos e capacidades das persoas participantes, os seus intereses e as súas necesidades". Ao final da actividade, cada participante levará para si o xoguete realizado.

Con este obradoiro de elaboración manual de xoguetería erótica, destacan, preténdese facilitar o autocoñecemento, a fisioloxía, a resposta sexual humana, e de dar resposta a diversos aspectos fisiolóxicos e psicolóxicos da corporalidade. "Búscase dar unha visión máis global da sexualidade, afastándoa de tendencias xenitalistas e coitocentristas e facilitando o enriquecemento e a creatividade erótica", sinalan dende o departamento de Mocidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta