Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2021 | Actualizada ás 19:01
A Cidade da Cultura inaugurou este martes unha mostra con máis de 70 pezas para repasar e celebrar os 10 anos da posta en marcha da Biblioteca de Galicia no Gaiás. Entre elas atópanse exemplares de coleccións que custodia a institución, como o 'Libro das propiedades das cousas' (1494) ou 'Sermóns de patientia in Job' (1471).
Todas elas repartiranse en oito seccións diferentes con obras desde o século XV ata a actualidade dos fondos do patrimonio bibliográfico xestionado pola Biblioteca e da hemeroteca de prensa e revistas, ademais de distintas pezas das súas coleccións de cartografía e material especial como fotografías, carteis, debuxos ou gravados.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou a iniciativa este martes un acto no que destacou o valor das pezas que conforman a mostra. "Son testemuña da parte non escrita da nosa cultura, e nesta mostra podemos observar algunhas das pezas máis descoñecidas polo público", incidiu
A mostra atenderá tamén a representación de comodatos e doazóns recibidas durante a última década para enriquecer o servizo que presta a Biblioteca, como o Fondo Amancio Landín Carrasco, o Fondo Bibliográfico Abanca, o Fondo Agustín Sixto Seco ou a Colección Núñez das Covas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.