Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/10/2021 | Actualizada ás 21:30
Pepe Solla, o cociñeiro líder a nivel estatal nado en Poio, leva algunha das súas receitas máis emblemáticas ás estacións de servizo. Nos próximos meses, 187 gasolineiras de todo o Estado contarán entre o seu surtido de produtos coa empanada galega redeseñada por Solla. En conxunto, 11 establecementos de Galicia terán á disposición dos clientes esta receita que, ata o momento, só se podía degustar no seu restaurante e en eventos especiais.
A escolla de Solla vén determinada polos seus recoñecementos por parte da propia Guía Repsol, da autoría das mesmas estacións de servizo que agora ofrecerán as súas empanadas. En concreto, e segundo detallan dende a empresa, o chef nado en Poio conta con tres "Soles Guía Repsol", un recoñecemento que tamén queda reflectido no nome da campaña: 'Soles a bocados'.
A iniciativa levará a así as empanadas de Solla máis alá do seu restaurante en Poio, unha circunstancia que tamén quixo subliñar o cociñeiro: “chegarán a moitas casas grazas á súa venda en estacións de servizo", destacou o cociñeiro, que recoñeceu que se trata dunha das receitas "máis emblemáticas" do seu restaurante.
11 ESTACIÓNS EN GALICIA
En total, 11 estacións de servizo en Galicia ofrecerán a empanada. Poden ser consultadas na páxina de Repsol: unha delas está na cidade da Coruña, outra preto de Erosa, en Ourense, e o resto todas na área da provincia de Pontevedra; concentradas particularmente en Vigo e o Porriño e capital de provincia. Tamén estará dispoñible nunha estación da Pobra do Caramiñal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.