O BNG pide á Xunta que deixe de "botar balóns fóra" sobre a atención á endometriose

Os nacionalistas instan o Goberno a aplicar a PNL de 2015 e mellorar o diagnóstico e atención ás 60.000 mulleres galegas que sofren a enfermidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

O grupo parlamentario do BNG lamentou que a Xunta continúe "botando balóns fose" respecto do tratamento da endometriose, a pesar de aprobar en 2015 todos os grupos --de forma unánime-- unha Proposición Non de Lei (PNL) para mellorar o tratamento da enfermidade. A portavoz de sanidade dos nacionalistas, Montserrat Prado, criticou este xoves na Comisión de Sanidade os pasos "mornos" dados pola Administración para conseguir que as 60.000 mulleres que en Galicia se ven afectadas por esta doenza "estean ben atendidas".

Prado afeou ademais a resposta ofrecida polo xerente do Sergas, José Flores, que afirmou que a atención que reciben as mulleres con endometriose é "adecuada". "Os tempos de diagnóstico son de entre oito e dez anos e ningún responsable político pode considerar que ese tempo de demora é unha atención adecuada", sinalou Prado.

A nacionalista recalcou a este respecto que a propia asociación que representa as mulleres enfermas, querEndo-mulleres insiste "por terra, mar e aire que non están a ser ben atendidas". "As mulleres que padecen endometriose necesitan un Goberno que se poña do seu lado e que as escoite", reclamou Prado.

Neste sentido, a parlamentaria nacionalista aseverou que "a sanidade non está excluída da situación de desigualdade á que se enfrontan as mulleres", razón pola que se fixo eco dunha frase defendida por un xinecólogo na que afirmaba que "o mundo se pararía se os homes tivesen dor testicular só unha hora ao mes". "Estamos no S.XXI, non no X nin no XVIII, e non podemos permitir que as mulleres pasen por este calvario e que se lles siga dicindo que é normal que teñan dor porque non é normal ter dor", afirmou.

Por outra banda, Prado defendeu que non se trata dun problema económico, posto que "a correcta atención da enfermidade suporía un aforro: menos gasto farmacéutico, menos asistencias a Urxencias, menos ingresos hospitalarios e menos baixas laborais". Así, pediu traballar nos diagnósticos a tempo, "dedicación específica e atención desde un enfoque interdisciplinar", consultas específicas, campañas de información e formación aos profesionais, así como o financiamento dos tratamentos pola Seguridade Social.

MEDIDAS "XA EN MARCHA"

Así as cousas, Flores asegurou que as medidas propostas na PNL "xa están en marcha". Ademais, lembrou que os profesionais teñen á súa disposición, tanto na intranet como na extranet, unha guía para o tratamento da enfermidade, para o que contan coa atención de diversos profesionais; así como diversas actividades formativas dirixidas a pacientes e cidadáns en xeral.

O xerente do Sergas comentou ademais que están "a disposición das asociacións para organizar actos de difusión" e defendeu o funcionamento do circuíto de atención médica, "que deriva as mulleres a outras especialidades". A endometriose, que provoca o crecemento de tecido endometrial fóra do útero, afecta a unha de cada dez mulleres fértiles, é dicir, 60.000 en Galicia, das que 9.000 presentan estadios máis graves.

A asociación QuerEndo-Mulleres con Endometriose participou na masiva manifestación a prol da sanidade pública en Santiago
A asociación QuerEndo-Mulleres con Endometriose participou na masiva manifestación a prol da sanidade pública en Santiago | Fonte: Facebook QuerENDO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta