Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2021 | Actualizada ás 19:28
O poeta e director do Instituto Cervantes, Luís García Montero, e a profesora da Universidade de Barcelona Helena Gómez recibirán a medalla do Consello da Cultura Galega (CCG) pola súa contribución á promoción da lingua e cultura galega no exterior.
Así o decidiu o pleno do CCG, reunido este mércores nunha sesión na que tamén se aprobou a programación de actividades para o ano 2022, no que serán protagonistas os movementos sociais e culturais durante a conformación da autonomía, así como a cultura marítima e os medios de comunicación en Galicia.
As medallas do CCG, que pretenden recoñecer a diplomacia cultural e a acción exterior como elementos de pervivencia para a cultura galega e que anteriormente recaeu en Pablo Figueroa, Ana Paula Leborinho e Francisco Lores Mascato; serán entregadas no primeiro trimestre de 2022.
Nacido en Granada en 1958, Luís García Montero dirixe desde 2018 o Instituto Cervantes, desde onde desenvolve un programa en defensa da diversidade lingüística de España.
O CCG destaca ao poeta, crítico literario, ensaísta e catedráticode Literatura Española na Universidade de Granada como un gran coñecedor da obra de Rosalía de Castro e doutros autores como Bécquer, Alberti ou Lorca.
Pola súa banda, Helena González Fernández (Comesaña-Vigo, 1967) é profesora titular de literatura galega, investigadora do Centre Dona i Literatura na Universidade de Barcelona e académica correspondente da Real Academia Galega. As súas liñas de investigación céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular, a literatura galega contemporánea e as relacións culturais entre Galicia e Cataluña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.