Científicos avalan a nova dieta nórdica adaptada a Galicia

Investigadores do CRETUS, da Universidade de Santiago, comparan este modelo importado coas dietas atlántica e mediterránea, e conclúen que tamén é unha opción saudable para nós e para o medio ambiente. Estes mesmos científicos desmontaron os supostos beneficios da chamada dieta paleo, tamén de moda.

Por Alberto Quian | Madrid | 05/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Outra dieta está de moda: a nova dieta nórdica. A Organización Mundial da Saúde (OMS) descríbea nun informe como “unha interpretación gastronómica da dieta nórdica que foi desenvolvida en 2004 polos principais chefs nórdicos que asinaron o Manifesto para unha Nova Cociña Nórdica”, e que foi “adoptado polo Consello Nórdico de Ministros”. Segundo a OMS, a dieta nórdica comparte moitas características coa mediterránea, pero baseada en alimentos tradicionais de Dinamarca, Finlandia, Islandia, Noruega e Suecia.

Plato da nova dieta nórdica
Plato da nova dieta nórdica | Fonte: Yadid Levy - Norden.org.

A dieta nórdica céntrase no consumo de vexetais de folla verde e de raíz, bagas ou froitas do bosque, froita, cereais integrais como a cebada, a avea ou o centeo, legumes, lácteos baixos en graxa, pescados, incluídos os graxos como o salmón, a cabala ou o arenque, e exclúe as graxas saturadas. Como diferenza salientable respecto da dieta mediterránea, destaca o uso do aceite de colza.

Este patrón consiste en alimentos cultivados localmente, estacionais, nutritivos e respectuosos co medio ambiente, que se consomen principalmente en Dinamarca, Finlandia, Islandia, Suecia e Noruega.

Esta dieta baséase en catro principios esenciais: saúde, potencial gastronómico, sostibilidade e identidade nórdica

A nova dieta nórdica é unha interpretación da tradicional que promove o consumo de alimentos locais, estacionais, silvestres e frescos, e que se basea en catro principios esenciais: saúde, potencial gastronómico, sostibilidade e identidade nórdica.

A OMS destaca que varias investigacións vincularon esta dieta a melloras nos factores de risco tanto de enfermidades cardiovasculares como de diabetes, aínda que non foi tan estudada como a dieta mediterránea.

Agora, investigadores de Galicia veñen de presentar un estudo sobre a nova dieta nórdica que avala este patrón alimentario, tanto para a saúde humana como para a do planeta.

VERSIÓN SUR DA NOVA DIETA NÓRDICA

A investigación foi desenvolvida no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), da Universidade de Santiago de Compostela, onde os científicos avaliaron o que chaman “a versión sur da nova dieta nórdica”, unha adaptación aos escenarios dietéticos da península ibérica (dietas atlántica e mediterránea), a cal someteron a unha análise de indicadores sanitarios, económicos, ambientais e nutricionais.

Os investigadores utilizaron datos de consumo alimentario nos fogares galegos para adaptar a nova dieta nórdica

Como lembran tamén estes investigadores, a nova dieta nórdica “comparte moitas semellanzas coa mediterránea”, se ben “inclúe alimentos típicos dos países nórdicos”. E pode ser adaptada e adoptada no sur de Europa, na península ibérica, onde “pode convivir coas dietas mediterránea e atlántica”, como apuntan estes científicos, que compararon os tres patróns alimentarios. De feito, utilizaron datos de consumo alimentario actual nos fogares galegos co fin de adaptar a nova dieta nórdica aos seus hábitos.

No que se refire aos alimentos de orixe vexetal, a lista inclúe inicialmente diferentes tipos de froitas: as bagas, que foron seleccionadas pola súa clara identidade nórdica, e outras sete froitas (laranxas, plátanos, mazás, mandarinas, melóns, peras e sandías), que representan o 69% do total de froitas consumidas de media en Galicia.

En segundo lugar, na nova dieta nórdica destacan verduras crucíferas (repolo), hortalizas de raíz (cenorias, cebolas), herbas frescas e cogomelos. Para a adaptación ao sur de Europa inclúense outras hortalizas como tomates, pementos, leitugas e cabaciñas.

Algas e leguminosas tamén forman parte da nova dieta nórdica. E Galicia é unha importante produtora de algas para o sector da alimentación. Por outro lado, e tendo en conta que garavanzos, fabas e lentellas representaron máis do 99% do total de legumes consumidos en Galicia, seleccionáronse como legumes representativos na dieta nórdica adaptada á realidade galega.

Outros alimentos característicos do patrón nórdico son os froitos secos, os cereais integrais e as patacas, tamén producidos en Galicia e característicos da dieta dos galegos.

O perfil ambiental da dieta nórdica é lixeiramente peor que o da mediterránea e practicamente igual que o da atlántica

En canto aos alimentos de orixe animal, os produtos lácteos forman o grupo con maior inxestión na dieta nórdica, que considera tres tipos: leite, queixo e manteiga. A carne é a segunda categoría con maior consumo, con cantidades moi moderadas, principalmente de gando de granxas ecolóxicas e caza. Outros alimentos de orixe animal deste patrón alimentario son o peixe e o marisco. Polo tanto, non é complicado adaptar neste apartado a dieta nórdica ao escenario galego.

Outro elemento relevante da nova dieta nórdica é o tipo de aceite empregado. Se ben na orixinal o que domina é o de colza, en Galicia, o de oliva é o principal aceite que se consome, e é o que se avalía no estudo.

COMPARACIÓN COAS DIETAS ATLÁNTICA E MEDITERRÁNEA

Os resultados avalan que a “versión sur” da nova dieta nórdica é das máis respectuosas co medio ambiente. Nas métricas ambientais, este patrón mostra unha pegada de carbono e hídrica de 3,58 kg de CO2 e 3.528 litros por persoa e día. Con todo, o seu perfil ambiental é lixeiramente peor que o da dieta mediterránea (2,79 kg de CO2 equivalente por persoa e día) e practicamente o mesmo que o da atlántica (3,62 kg).

“A razón detrás destes resultados é que a dieta mediterránea é un patrón dietético máis baseado en vexetais que as outras dúas”, aclaran os responsables do estudo.

A etapa de produción dos alimentos foi, con diferenza, a principal responsable das emisións de gases de efecto invernadoiro (3,41 kg de CO2 equivalente por persoa e día) da dieta nórdica, sendo responsable do 95% do total da pegada de carbono. As outras dúas etapas principais, a venda grosista e retallista, e a distribución aos fogares, foron responsables de preto do 3% e do 2% das emisións totais, respectivamente.

En canto á pegada hídrica (indicador ambiental que define o volume total de auga doce utilizado para producir bens e servizos que habitualmente consumimos), nesta dieta é de e 3.528 litros por persoa e día. Os produtos de orixe animal representan o 59% da puntuación total, sendo os lácteos  con 1.146 litros por persoa e día, os que maior pegada hídrica rexistran, seguidos pola carne, con 812 litros.

En comparación coas dietas características da península ibérica, a nórdica obtén neste apartado resultados lixeiramente peores que os da mediterránea (3044 litros por persoa e día), e lixeiramente mellores que a atlántica (3.754 litros).

A puntuación global de calidade da dieta nórdica foi de 126, un resultado superior ao valor de referencia (100), mellor que a vexetariana ou a vegana

Nas métricas de saúde, “a nova dieta nórdica mostrou beneficios que reducen as enfermidades non transmisibles como os riscos de diabetes mellitus tipo 2 nun 31%, o cancro colorrectal nun 35% e as enfermidades cardiovasculares nun 7%”, e “tamén se asociou cunha perda de peso de 1,83 kg por persoa”, describen os autores do estudo.

“A evidencia epidemiolóxica apoiou unha maior perda de peso ao seguir a nova dieta nórdica, pero unha maior redución do risco de enfermidades cardiovasculares ao adherirse á mediterránea”, comparan os científicos.

En relación ás métricas económicas, con prezos do ano 2019, o custo medio desta dieta para un consumidor foi de 4,30 euros por persoa e día, similar ao da dieta mediterránea e un chisco inferior ao da atlántica. Concretamente, o custo é 1,13 veces maior no patrón atlántico e 1,03 veces superior no mediterráneo.

A puntuación global de calidade da dieta nórdica foi de 126, un resultado superior ao valor de referencia (100), pero peor que os identificados para as dietas atlántica (150 puntos) e mediterránea (178). Polo tanto, o índice de calidade nutricional foi 0,79 veces menor para o patrón importado do norte de Europa, en comparación co mediterráneo, e 0,71 veces inferior que o atlántico.

Os investigadores destacan que a puntuación da dieta nórdica está por riba doutras comúns, como a vexetariana (100 puntos), a vegana (118) ou a recomendada nos Países Baixos (105).

En resumo, a versión sur da nova dieta nórdica pode considerarse unha boa alternativa ás dietas atlántica e mediterránea, desde os puntos de vista económico, sanitario e ambiental. Por iso, os investigadores animan ás autoridades a promocionala, canda as outras dúas, "para evitar o cambio actual a unha dieta pouco saudable occidentalizada".

Os resultados do estudo publícanse na revista científica internacional Journal of Cleaner Production.

NON AVALAN A DIETA PALEO

A diferenza da nova dieta nórdica, os científicos non avalan outro patrón alimentario que se puxo de moda nos últimos tempos, a chamada dieta paleo, un plan nutricional baseado en alimentos silvestres como os que, supostamente, consumían os humanos na era paleolítica, que abarca desde hai aproximadamente 2,5 millóns de anos ata finais da última era glaciar, ao redor de 10.000 anos atrás.

Estes científicos desaconsellan a chamada paleodieta pola súa pegada de carbono, o seu alto custo e o seu peor perfil nutricional 

Tamén coñecida como paleodieta, dieta dos homes das cavernas ou da Idade da Pedra, esta adoita incluír carnes, peixes, mariscos, froitas, verduras, ovos, froitos secos e sementes, alimentos que no pasado se obtiñan mediante a caza e a recolección. A dieta paleo evita alimentos que se volveron comúns cando xurdiron a agricultura e a gandaría, hai uns 10.000 anos, como produtos lácteos, legumes, cereais, fariña, sal, azucre, aceites refinados ou os actuais alimentos procesados.

A paleodieta consistiría, polo tanto, en emular os hábitos alimentarios dos grupos de cazadores-recolectores antes da chegada da agricultura e da gandaría. E está de moda agora, en pleno século XXI, popularizada a través das redes sociais, aínda que existen voces científicas e médicas críticas con este patrón nutricional restritivo polos seus efectos na saúde. Pero tamén hai outros motivos para cuestionalo: o económico e o ambiental.

Pois ben, os mesmos científicos do CRETUS que asinan a investigación sobre a nova dieta nórdica publicaron tamén este ano outro estudo no que achegaron datos e argumentos que cuestionan as presuntas vantaxes desta dieta inspirada en supostos hábitos alimentarios dos humanos durante o Paleolítico.

“A paleodieta ten unha maior pegada de carbono, non é asumíbel para os consumidores con ingresos baixos e non é nutricionalmente adecuada en termos de perfil calórico e lipídico”, concluíron no estudo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta