Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/11/2021 | Actualizada ás 15:27
Un seminario que impulsa o Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Xunta, analizará este venres os avances no desenvolvemento de fármacos de orixe mariña para o tratamento da covid-19 e o cancro.
A sesión celebrarase en formato virtual e abordará o nivel de colaboración entre empresas e grupos de investigación no Espazo Atlántico no contexto da economía azul, segundo avanzou a Consellería do Mar.
Deste xeito, presentaranse os resultados dunha enquisa realizada no marco do proxecto europeo BlueHuman sobre limitacións, condicionamentos e retos de sinerxías entre o sector privado e os investigadores.
A xornada será inaugurada pola directora-xerente do Cetmar, Paloma Rueda, e incluirá unha presentación do proxecto BlueHuman, así como dous relatorios sobre o caso dunha molécula de aplicación no tratamento do coronavirus e un grupo de fármacos de orixe mariña desenvolvidos e empregados contra enfermidades oncolóxicas.
O proxecto BlueHuman conta coa participación de 13 institucións, centros de investigación e empresas de España, Portugal, Irlanda, Francia e Reino Unido, entre elas o Cetmar. A iniciativa está financiada polo programa europeo Interreg Espazo Atlántico e, desde 2018, traballa en varias liñas de investigación centradas na valorización biotecnolóxica de produtos e subproductos mariños destinados ás áreas do medicamento e o coidado da saúde.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.