'De papel a obra de arte': o mundo da papiroflexia faise oco no Museo de Pontevedra

A exposición poderá verse ata o 23 de xaneiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/11/2021 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O Edificio Castelao do Museo de Pontevedra acolle desde este xoves e ata o 23 de xaneiro a mostra 'Origami, de papel a obra de arte', unha exposición que pretende facer un percorrido por todas as modalidades que existen desta arte do encartado do papel onde non cabe a posibilidade de cortes nin pegamentos.

A mostra é unha selección de figuras da Escola Museo Origami Zaragoza (EMOZ), un dos poucos museos de papiroflexia que existen no mundo. O director do EMOZ, Jorge Pardo, asistiu este xoves á inauguración en compañía do comisario da mostra, Felipe Moreno, e resaltou que esta exposición é "a máis importante das feitas fóra de Zaragoza", onde contan cun depósito de 5.000 obras orixinais.

Pola súa banda, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey, referiuse ás pezas expostas como "auténticas esculturas cheas de expresividade" e destacou a presenza de creacións de artistas de primeira liña internacional.

A exposición parte dunha proposta histórica onde se desvelan os inicios do origami tanto no mundo como en España, na que a máxima relevancia recae no Grupo Zaragozano de Papiroflexia fundado en 1944 e que se converteu no primeiro grupo de persoas que se reúnen ao redor do encartado do papel no mundo, e destacando a figura dun dos máximos expoñentes en España, Miguel de Unamuno.

A mostra estará dividida en varias zonas, unha primeira de 'Introdución' na que se fala da habilidade de dar a un anaco de papel, dobrándoo convenientemente, a forma de determinados seres ou obxectos, que teñen diversos usos: cerimonial, recreativo, xeométrico, matemático, educativo ou artístico, entre outros.

A parte do 'Origami elemental' inclúe todos os modelos da papiroflexia tradicional anterior ao século XX, caracterizado por empregar un mínimo de pregues fixos, fáciles de realizar e de lembrar e que se poden completar en poucos minutos. Unha terceira zona está dedicada ao 'Origami esencial', un estilo que naceu a mediados do século XX a partir da obra de Akira Yoshizawa, cun modo de traballar o papel co que o artista trata de expresar unha emoción.

O cuarto apartado, de 'Origami orgánico', é o que permitirá ver modelos que seguen os patróns da bioloxía e tamén da xeoloxía, unha tendencia inicidada polo CRIMP, centro francés de investigación liderado polo artista Vincent Floderer. Unha quinta sección é a do 'Origami hiperrealista', cun deseño, cun plan e cunha meta preconcibidos e levando o papel aos seus límites fléxicos e xeométricos, búscase o máximo realismo e o detallismo exhaustivo; todo iso, na medida do posible, sen sacrificar a expresividade.

Na zona do 'Origami escultórico' pódense ver pezas nas que o papel se expresa volumetricamente grazas a un coñecemento preciso das súas características e das súas propiedades. No 'Origami xeométrico', pola súa banda, haberá pezas modulares obtidas mediante procedementos de pregues fixos e repetitivos que, a modo de ladrillos, e convenientemente ensambladas, forman o modelo buscado. O apartado do 'Origami teselado' mostrará creacións nas que unha estudada, precisa, laboriosa serie de pregues monte e val transforman o plano bidimensional nunha estrutura tridimensional.

Finalmente, haberá un apartado de 'Non origami' ou metaorigami no que se inclúen obxectos de papel tratados de forma heterodoxa (desde o punto de vista do origami) e tamén outros materiais distintos do papel, pero susceptibles de recibir algunha forma de traballo similar: tea, cartón, metal.

Para completar a exposición, o Museo vai organizar talleres de papiroflexia para público de 5 a 90 anos que xa esgotaron todas as prazas ofertadas.

Obra de arte que aparece no cartel da exposición 'Origami, de papel a obra de arte' do Museo de Pontevedra
Obra de arte que aparece no cartel da exposición 'Origami, de papel a obra de arte' do Museo de Pontevedra | Fonte: Museo de Pontevedra

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta