Alfonso Zarauza dirixirá un documental sobre a transformación urbana de Pontevedra

Levará por título 'Pontevedra Hora Cero' e a rodaxe comezará este decembro.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 05/11/2021 | Actualizada ás 17:13

Comparte esta noticia

O director de cinema Alfonso Zarauza dirixirá un documental sobre a transformación urbana da cidade de Pontevedra ao longo das dúas últimas décadas. A película contará cun orzamento de 120.000 euros, que será financiado no marco dun convenio do que este venres informou en rolda de prensa o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado da presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, e o director de cinema Alfonso Zarauza.

Cidade de Pontevedra
Cidade de Pontevedra | Fonte: pontevedraviva.com.

Espérase que este documental sexa unha película "con percorrido de futuro e de presente", sinalou o alcalde. "Un documento que perdure no tempo, un documental que fale da transformación de Pontevedra nos últimos anos e que quede para a historia", abundou.

O rexedor tamén confía en que o documental teña presenza noutros foros que non son os típicos, como festivais internacionais "onde o cinema é o protagonista".

Miguel Anxo Fernández Lores definiu a Zarauza, encargado do proxecto, como un "dos mellores directores do país". O santiagués é coñecido por traballos como 'Ons' ou 'Os fenómenos', que lle brindaron un éxito e recoñecemento internacional, tanto de crítica como de público. "Esperamos que o documental sexa un éxito e que lle permita ter proxección á cidade", dixo Lores.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación provincial, Carmela Silva, compartiu co rexedor local a importancia deste convenio e o valor que posúe: "Sinto unha enorme satisfacción sobre o construído e sobre as reflexións que permiten seguir construíndo", dixo.

Para Carmela Silva a gravación deste documental "é unha gran decisión; deixar constancia deste legado, dunha cidade con centos de anos de historia".

Alfonso Zarauza recoñeceu o reto que supón retratar este cambio urbano, un encargo que recibe con certa "vertixe" e sinalou que esta "é a primeira vez que eu non busco un proxecto, senón que este búscame a min".

O director santiagués considera que este proxecto é "algo valente" por parte das institucións. "E que me sitúa nun lugar desconcertante, pero ao mesmo tempo de orgullo e de responsabilidade", explicou.

"Sigo desde hai moito tempo o proceso de cambio de Pontevedra, sempre me chamou a atención polo poderoso que é; e, ao mesmo tempo, o inadvertido que pasa dentro do noso propio país, dentro de Galicia", sostivo o cineasta.

A media metraxe mesturará dúas narracións, por unha banda unha parte documental con outra de ficción, e contará con tres actrices de renome como Melania Cruz, Ledicia Sola e Marta Lado. Levará por título 'Pontevedra Hora Cero' e o propio Zarauza sinalou que non quere "comentar moito" porque quere "que sorprenda". A rodaxe comezará no mes de decembro.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta