Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/11/2021 | Actualizada ás 19:46
A Plataforma Vía Galega presentou a campaña 'Galiza, un pobo, unha selección', que contará con exposicións itinerantes, publicacións e vídeos para reclamar o "dereito a conformar seleccións galegas en todos os deportes e a competir a nivel oficial e internacional".
Será unha campaña itinerante por toda Galicia nos próximos meses e que conta coa colaboración das cicepresidencias das Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra --que dirixe o BNG-- para a súa difusión.
No acto de presentación este martes participaron o portavoz de Vía Galega, Anxo Louzao --que durante 16 anos foi o responsable de CIG-Ensino--, o xornalista Héctor Pena; o deseñador Bruno Lopes; e as integrantes da coordinadora da plataforma Lucía Veciño e Susana Méndez. Nesta plataforma participan máis de 60 colectivos culturais, sociais e deportivos.
O obxectivo da campaña é "esixir o dereito a que Galicia poida competir profesionalmente e a nivel oficial" en todas as disciplinas deportivas, tanto en seleccións masculinas como femininas. "Pretende tamén contribuír a fortalecer a autoestima e a conciencia nacional mediante o deporte, a potenciar os deportes galegos, a súa historia e a importancia para a nosa cultura, ademais de incidir na galeguización do deporte e impulsar a igualdade de xénero", esgrimiu Anxo Louzao.
A iniciativa inclúe un manifesto que ten "miles" de persoas asinantes, unha revista de 15.000 exemplares que conta coa colaboración de deportistas como Ezequiel Mosquera, Gustavo César Veloso e Chano Rodríguez, un xornal de 30.000 exemplares de tirada e unha exposición que percorrerá 35 localidades con 20 paneis sobre a historia do deporte galego e as súas reivindicacións.
Ademais, exhibirase un documental coa participación de 13 persoas referentes do deporte galego. Xunto a iso, unha canción reivindicativa con letra de Bieito Lobariñas.
Ao redor de 50 persoas do ámbito deportivo galego están a colaborar nesta campaña a prol das seleccións galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.