Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 16:48
Axentes da Unidade de delincuencia Económica e Fiscal da Brigada Provincial de Policía Xudicial da Coruña detiveron en Santiago un ex empregado de banca por estafa e falsidade documental tras realizar máis de 150 reintegros cun caderno bancario falsificado no marco da 'Operación Reloxo' en Galicia.
Segundo informou a Policía Nacional, realizou unha investigación na que acharon probas sobre un ex empregado de banca, recentemente xubilado, quen durante os últimos catro anos realizara máis de 150 reintegros cun caderno bancario falsificado. Ese caderno estaba a nome dunha muller falecida no ano 2008 e este home logrou detraer un importe superior a 160.000 euros, a través de reintegros sistemáticos de 2.400 euros cada mes, en caixeiros automáticos, destacou a Policía.
Como empregado da entidade bancaria o arrestado creou no ano 2017 unha conta a nome da finada, á que derivou os saldos dun depósito a prazo fixo e un fondo de investimento, que non foran cancelados tras a morte da vítima, conta desde a que posteriormente reintegraba os saldos de maneira metódica.
O home desprazábase a Santiago de Compostela "rutinariamente", asegura a Policía, para realizar esta operativa. Na capital galega foi detido inmediatamente despois de realizar o seu último reintegro en caixeiro, por un importe de 990 euros.
SEN ANTECEDENTES PREVIOS
Ao arrestado foille intervido o caderno utilizado a nome da muller falecida. Ademais, adquirira un vehículo de alta gama en data recente. De feito, a Policía Nacional destaca que nun rexistro domiciliario realizado no marco deste operativo se interviñeron dous vehículos de alta gama, así como diñeiro en metálico. O detido, que non tiña antecedentes previos, foi posto a disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Betanzos na mañá deste xoves.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.