O bispo de Ourense carga contra a regulación da eutanasia: "deixa fóra a Deus"

Dixo estas palabras en presenza da delegación territorial da Xunta e membros da corporación municipal que asistiron á homilía.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/11/2021 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

O bispo de Ourense, Leonardo Lemos, empregou a Misa de San Martiño, patrón da cidade de Ourense, para enxalzar o labor realizado durante a pandemia por colectivos como o persoal sanitario pero tamén para cargar contra novas leis que "deixan fóra a Deus", en referencia á regulación da eutanasia, e para lamentar que os políticos reduzan os seus encontros a "espectáculos de enfrontamentos". Este ano a catedral de Ourense volveu celebrar o acto institucional coa representación dos corpos de seguridade, a delegación territorial da Xunta e membros da corporación municipal que asistiron á homilía de Leonardo Lemos Montanet, o bispo da diocese.

O bispo empregou a homilía para agradecer o labor realizado durante a pandemia polo persoal sanitario, polos membros de corpos de seguridade do Estado, os voluntarios de distintas asociacións, os servizos sociais do Banco de Alimentos e os sacerdotes que "se preocuparon polos anciáns que viven sós no rural e no urbano". Para o bispo houbo espírito de misericordia sen buscar protagonismo, un trazo que equiparou co "que fixo San Martiño".

Con todo, non todas as notas do discurso foron positivas, e é que o bispo mostrouse "desconcertado" ante que o Estado dese prioridade a novas leis que, na súa consideración, non deberían selo. Neste sentido comezou referíndose á reforma da lei educativa sentenciando que "non lle gusta á maioría da poboación". Tras falar de educación pasou a sanidade para criticar que a lei da eutanasia non era unha cuestión "urxente" e que, no seu lugar, tería que ter prioridade "unha lei que potencie os coidados paliativos".

Así considerou que "a intención parece deixar fóra a Deus, que é o único garante auténtico do ser humano". Na mesma liña de denuncia mostrouse molesto con que os políticos que "non buscan" un ben común mediante unión política e social senón que no seu lugar "ofrecen un espectáculo de enfrontamentos" ante "un grave problema---a pandemia--- que afecta non só ao noso pobo senón ao mundo enteiro".

OFRENDA DA ALCALDÍA

Pola súa banda, o rexedor municipal, Gonzalo Pérez Jácome, leu a súa ofrenda ante a imaxe de San Martiño e, tras lembrar todo o sucedido pola situación sanitaria, agradeceu que se poida recuperar a tradición de San Martiño. "Nunca me cansarei de darlle as grazas a todas e cada unha das persoas que se involucraron nestes tempos tan difíciles", dixo o alcalde na súa intervención, agradecendo o traballo dos profesionais esenciais como persoal sanitario ou Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o bispo Leonardo Lemos.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e o bispo Leonardo Lemos.

CARREIRA POPULAR

Por outra banda, este domingo celébrase a carreira popular do San Martiño e entre os atletas destaca a subcampioa olímpica dos xogos de Tokio en 10 quilómetros ruta, Kalkidan Gezahegne. A súa participación fixo que o alcalde destaque que podería converterse na primeira muller que gañe unha carreira entre corredores profesionais masculinos.

"Sería a primeira vez que algo así suceda na historia do atletismo mundial, que unha muller sexa a primeira clasificada da xeral por diante de corredores prol, un xesto que podería ser noticia mundial", enxalzou Jácome antes de apostilar que "Ourense cidade poderá romper unha liña que parecía infranqueable anos atrás".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

O Bispo pertence á Sociedade Sacerdotal da Santa Cruz (Opus Dei) https://es.wikipedia.org/wiki/Leona... Cando será o día no que ao OpusDei lle chegue o seu San Martiño ?