Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/11/2021 | Actualizada ás 17:06
O servizo de Aparello Dixestivo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP) foi recoñecido por segundo ano consecutivo co galardón nacional Best in Class 2021 á Mellor Unidade de Hepatite C en Atención ao Paciente.
O xerente da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez, acompañado polo xefe de servizo do Aparello Dixestivo, Juan Turnes e o representante da Asociación Galega de Deportistas Transplantados e en Diáleses (Detradi Galicia), Carlos Sánchez Montes presentaron este mércores nunha comparecencia as diversas iniciativas que lles levaron a recibir este premio que Turnes valorou como un éxito colectivo.
O xefe de servizo do Aparello Dixestivo do CHUP sinalou que o reto para o próximo ano sería non recibir o premio "porque xa non fixese falta" ao pasar a ser unha área sanitaria "libre" de hepatite C.
1.150 PACIENTES, 98% CURADOS
O servizo de Aparello Dixestivo da área Sanitaria de Pontevedra e o Salnés suma xa máis de 1.150 pacientes tratados, dos que máis do 98% xa están curados. Ademais, estímase que a cifra de pacientes con Hepatites C non diagnosticados na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés veu reducida nun 90% nos últimos anos.
Este servizo consolidou desde o ano 2015 un amplo abanico de medidas tales como a creación de circuítos de identificación de novos casos e acceso rápido a tratamentos, a implantación pioneira en Galicia do diagnóstico da Hepatite C nunha única mostra de sangue, o acceso aos ensaios clínicos e o uso da Intelixencia Artificial no marco do programa FOCUS Galicia.
Esta patoloxía é un problema de saúde pública moi grave, coñecida como a pandemia silenciosa, xa que non presenta síntomas ata que está nun estadio moi avanzado.
A hepatite C afecta a mais de 7 millóns de persoas a nivel mundial e ata a aparición dos novos tratamentos antivirais era a principal causa de cirrosis hepática, cancro de fígado e transplante hepático. En concreto, España é recoñecida pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como o país máis avanzado para eliminar a hepatite C antes do ano 2024, tan só por detrás de Islandia.
Juan Turnes destacou o significado especial de recibir este premio e o do ano pasado nuns momentos "tremendamente complicados" pola pandemia do covid-19.
Estes galardóns, que convoca anualmente a publicación especializada Gaceta Médica xunto coa Cátedra de Innovación e Xestión Sanitaria da Universidad Rey Juan Carlos, teñen como obxectivo principal recoñecer publicamente a aqueles centros sanitarios que buscan a excelencia na atención que prestan aos seus pacientes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.