Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/02/2025 | Actualizada ás 11:37
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP publicará este luns no Diario Oficial de Galicia dúas convocatorias para que máis de 800 alumnos de Bacharelato e universitarios aprendan este verán idiomas no estranxeiro. Segundo informou o Executivo galego nun comunicado, os interesados en solicitar as axudas terán de prazo, en ambos os casos, ata o 3 de marzo.
No caso dos alumnos de Bacharelato, disporán de 647 prazas para estancias de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal, Canadá e Alemaña no período estival, entre xullo e agosto.
O Executivo autonómico subvenciona entre o 92% e o 69% do custo das estancias en Canadá, Reino Unido, Francia, Portugal e Alemaña. Así, fai fronte a parte dos gastos de contratación dos monitores que acompañan a cada grupo, mantemento e aloxamento, traslados para actividades, docencia e material escolar, actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos, seguros de accidentes e certificado de realización do curso.
Os candidatos deberán estar a cursar, no réxime xeral, primeiro ou segundo de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2024-2025; ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai a perfeccionar na estadía de 6 no curso 2023/24, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico.
ALUMNOS UNIVERSITARIOS
Pola súa banda, o alumnado universitario disporá de 168 bolsas para estas estancias. As axudas serán de 1.200 euros para países de Europa e de 1.500 euros para o resto do mundo. O obxectivo é que os estudantes melloren as súas competencias en linguas estranxeiras e, como consecuencia, a súa cualificación. Os solicitantes deberán acreditar que van realizar un curso de idiomas presencialmente no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de agosto cun mínimo de 45 horas lectivas.
O idioma a cursar deberá corresponderse co oficial do país elixido e ser diferente do español. Ademais, deben estar matriculadas no curso 2024/25 en, como mínimo, 50 créditos (excluídos os recoñecidos, convalidados ou adaptados) de estudos de grao nas universidades públicas galegas.
Ademais, deben superar 60 créditos a data de 30 de setembro de 2024, excluídos tamén, os recoñecidos, convalidados ou adaptados. Neste caso as solicitudes deberán facerse obrigatoriamente por medios telemáticos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.