A crise enerxética mundial, un perigo para a ría de Ferrol?

Os prezos da enerxía fai que moitos países aumenten a importación de combustibles fósiles. Un deles é o gas en estado licuado que logo se regasifica en plantas como a existente en Mugardos, en plena ría de Ferrol. A crise enerxética actual podería incrementar o tráfico de buques metaneiros dentro da ría e, segundo asociacións e grupos ambientalistas, elevar o risco de accidente na regasificadora.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 21/11/2021 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O pasado 15 de novembro un grupo de activistas de Greenpeace colocaron faixas nas torres de alamacenamento da regasificadora de Mugardos. Nunha delas podía lerse “O gas contamina e é caro”. Un dos obxectivos da acción era pór o acento no fracaso da Reunión de Glasgow sobre o cambio climático. Outro obxectivo era a falta de compromiso por parte dalgúns estados ante a volta ao gas e outros combustibles fósiles para frear a escalada de prezos no sector enerxético. E o máis importante para colectivos ambientalistas da zona, que non se incremente o número de buques gaseiros entrando e saíndo da ría de Ferrol. Unha maior densidade de tráfico suporía o aumento da actividade na gaseira coa ampliación do risco de accidente desde as instalacións.

Mugardos poderá recibir a partir de 2020 tanto buques de gran tamaño como gabarra. REGANOSA - Arquivo
Mugardos poderá recibir a partir de 2020 tanto buques de gran tamaño como gabarra. REGANOSA - Arquivo

A CRISE GLOBAL E O PERIGO LOCAL

Alxeria pecha o gasoducto que pasa por Marrocos e que traía gas a España. O Goberno español responde coa necesidade de importar gas licuado en buques, algo que aumentará o custo da materia prima e a factura enerxética. España ten sete plantas regasificadoras, unha delas é a de Mugardos, no corazón da ría de Ferrol. Outras instalacións como a de Bilbao ou a de Sagunto en Valencia, teñen ao seu redor un perímetro de seguridade de 2.000 metros.

A regasificadora de Mugardos “está a 150 metros dun núcleo poboacional na parroquia de Mehá en Mugardos e a 900 metros hai un arsenal militar” di Manuel Rodríguez Carballeira, do Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol (COCIUDEM). “Esta situación non se dá en ningunha das outras gaseiras en España, con persoas a menos de 2.000 metros de distancia”.

Por outra parte está o tráfico marítimo que, segundo COCIUDEM, se incrementará se o Goberno central decide aumentar as reservas gaseiras mediante gas licuado. “Os barcos entran por unha canle de 4 quilómetros de longo e 150 metros de largo onde houbo que facer importantes operacións de dragado”, isto para permitir a entrada dos barcos.

Escaladores de Greenpeace entran na regasificadora de Reganosa en Mugardos
Escaladores de Greenpeace entran na regasificadora de Reganosa en Mugardos | Fonte: MARIO GÓ MEZ - GREENPEACE - Europa Press.

“En caso dun accidente, o barco debera saír rapidamente, mais está dentro dunha rateira” sinala Rodríguez Carballeira. En caso dunha explosión da gaseira dentro da ría, as consecuencias segundo movementos veciñais e ambientalistas poderían ser moi importantes. En 2016 o Tribunal Supremo tombara o plan de emerxencia de Reganosa.

A CRISE ENERXÉTICA GLOBAL E O DESASTRE AMBIENTAL LOCAL

Manoel Santos, de Greenpeace, remarca o posible incremento de tráfico marítimo na ría. “Vimos dunha conferencia da ONU sobre o clima para abandonar o combustible fósil e ao final chegamos a un acordo moi feble”. Con intención de ir abandonado gradualmente os combustíbles fósiles, implementáronse os proxectos de enerxías limpas. Dentro dese paquete foi vendido tamén o “gas natural”.

“O gas é natural e non é un risco mentres estea nos seus depósitos debaixo da terra, mais o gas é un combustible fósil” sinala Santos. “O gas non é unha solución ante o cambio climático, ao revés, emite CO2 e a planta de Reganosa pode emitir 5 millóns de toneladas deste gas”. E o gas, precisamente, é o que fai aumentar os prezos da luz por ser das últimas enerxías que entra na poxa eléctrica subindo tamén os prezos das que entraron primeiras en dita poxa. Ante esta perspectiva cabe a pregunta de por que se vende o gas como “enerxía verde”. “Foi unha operación de márketing do lobby do gas” di Santos.

Por outra parte, a construción da regasificadora de Mugardos, en principio proxectada para o Porto Exterior de Ferrol, supuxo un colapso para a fauna acuática da zona segundo Rodríguez Carballeira.  “Esta planta usa auga do mar para regasificar, miles de metros cúbicos de auga por hora e isto finalmente acaba cos recursos acuáticos”. Neste  sentido “a ría aquí está colapsada entre a gasificadora e o complexo químico-industrial do Grupo Tojeiro, o mesmo propietario da regasificadora”. Unha das consecuencias foi a práctica desaparición do marisqueo nesta parte da ría ferrolá.

Ante a posibilidade dun traslado da planta, non se contempla a medio prazo e ninguén cre que se efectúe. “O que pedimos é o peche da regasificadora de maneira lenta, cunha transición cara enerxías limpas de aquí a 2030 e que en 2035 o gas estea fóra do sistema enerxético” sinala Santos. “Esiximos a retirada deste complexo porque a día de hoxe non ten sentido seguir consumindo unha enerxía fósil” sinala Rodríguez Carballeira.

A acción de Greenpeace o día 15 de novembro de 2021 foi unha consecuencia ante a falta de acordo na reunión sobre o clima de Glasgow. Os e as veciñas de Mugardos e da ría de Ferrol teñen no interior do esteiro un potencial perigo, segundo movementos ambientalistas e veciñais. A crise enerxética está botando man, momentaneamente, das enerxías fósiles coa súa pegada de carbono e a súa incidencia na atmosfera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta