O Parlamento insta a mellorar a empregabilidade das mulleres vítimas de violencia de xénero

O BNG defende "unha vida libre de violencia" para as mulleres e o PP destaca que "é un reto de toda a sociedade" a súa erradicación.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2021 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

O Parlamento galego aprobou este xoves por unanimidade unha proposición non de lei do Grupo do PP que insta a Xunta a ampliar os programas de fomento da inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero. Así, esta iniciativa dos populares foi aprobada cos votos a favor dos tres grupos parlamentarios no marco da Comisión 5ª coincidindo coa xornada na que se celebra o Día contra a violencia de xénero como cada 25 de novembro.

A proposición aprobada insta a Xunta "a ampliar os programas de fomento da inserción laboral para vítimas de violencia de xénero e mulleres vulnerables co fin de apoialas para romper co círculo da violencia de xénero".

Ademais, o outro punto da iniciativa acordado sinala que o Parlamento de Galicia insta a Xunta a "continuar garantindo o funcionamento efectivo e a mellorar a difusión de todos os recursos asistenciais para as vítimas de violencia de xénero", en coordinación, segundo engade o texto, "con todas as institucións competentes na materia" en Galicia.

Os tres portavoces neste debate iniciaron as súas intervencións cun recordo ás vítimas da violencia de xénero. Por parte do PPdeG, Rosalía López, destacou que a eliminación da violencia contra as mulleres "é un reto de toda a sociedade" que require "dunha actuación unitaria e a máxima coordinación, colaboración e cooperación". 

Imaxe do pleno do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA
Imaxe do pleno do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO DE GALICIA

Nesta liña, por parte do BNG, a deputada Olalla Rodil valorou a "vontade construtiva" neste 25N na comisión parlamentaria, á vez que defendeu "o dereito das mulleres a vivir unha vida libre de violencia". Rodil, que presentou unha emenda que foi rexeitada, xustificou o apoio do BNG a esta iniciativa do PP "para que se siga traballando en programas para mellorar a empregabilidade das mulleres", pero lamentou que non se engadise a súa petición que incidía en reclamar "máis recursos que fagan efectiva esa vontade".

"PROBLEMA ESTRUTURAL"

Por parte do PSdeG, Noa Díaz reclamou á Xunta un "reforzo" nos recursos autonómicos destinados á loita contra a violencia machista. Así, reclamou incrementar o financiamento achegado polo Goberno galego "a maiores" do percibido polo Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e a modificar a actuación institucional para mellorar o traballo orientado á prevención destes casos.

Noa Díaz insistiu en que a violencia machista "non é unha secuela", senón "un problema estrutural". A deputada socialista, ao expresar o seu apoio a esta iniciativa, expresou o seu desexo de que "viñese acompañada dunha maior concienciación". Para terminar, a parlamentaria popular Rosalía López insistiu en que outro dos "grandes retos" para os próximos anos é a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, e a corresponsabilidade no ámbito doméstico e familiar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta