No Nadal, dos ditos aos feitos

Estamos nas portas do nadal. A partir de agora as grandes campañas publicitarias farán máis visibles as ofertas comerciais que se lles ofrecen aos consumidores que por estas datas son máis receptivos a elas. As canles de televisión emitirán anuncios en atractivos formatos pregoando augas de colonia e perfumes franceses, idioma que os máis dos telespectadores non entenden. Pero tanto lles ten. Velaí a maxia da publicidade ben feita: facer crible o imcomprensible.

Por Xosé Glez. | Vigo | 02/12/2021

Comparte esta noticia
Con menos limitacións de aforo que os anos pasados, os restaurantes volverán  encherse para xantares e ceas de empresas con comensais de plurais ideas. Pero iso si, son moitos os que neses escenarios póñense afoutos e pronuncian hiperbólicos e líricos discursos de acendido patriotismo. Pero todo queda niso, en ritual floral.Porque os máis dos galegos gustan do autoflaxelo de guindaren pedras contra o seu propio tellado facendo alarde de escasa autoestima.
 
Podemos imaxinar sen dificultades os variopintos protagonistas e escenarios nos  que que se repiten tales cerimonias confusas. Editores e escritores presentando novidades editoriais demandando do público máis lectores; sindicalistas participando en convocatorias reivindicativas co esixente apelo de “postos de traballo na Terra”; partidos políticos co marchamo soberanista ou progresista, denunciando os desequilibrios territorias pola falta dunha planificación axeitada; actores e actrices do teatro e audiovisual galegos pedindo asistencia aos seus espectáculos;  agrupacións musicais de todo tipo instando ás comisións de festas que os contraten; milleiros de delegados sindicais reivindicando melloras salariais e laborais; moitos centos de profesores de lingua galega transmitíndolles aos alumnos a defensa da nosa gran tradición literaria; e dirixentes veciñais e culturais demandando máis apoios económicos das institucións públicas para o desenvolvemento das súas actividades. Nunca tivera a nosa lingua tantos medios económicos, persoais e valedores, e tan enxoitos resultados para a súa normalización. Paradoxos de dificil xustificación.
 
Teño participado como convidado en moitos destes actos  convocado polos anteditos axentes sociais e institucións académicas. Despois de feitas as proclamas de rigor, os “pinchos e viños” que se  ofrecen a continuación son a expresión contraditoria do galeguismo que din profesar, excluíndo dos menús  marcas comerciais que utilizan nas etiquetas a  lingua galega. As incongruencias que observamos a cotío son preocupantes por teren raíces ben chantadas nas mentes das nosas xentes. 
 
Este conglomerado plural de activistas de todo tipo, en tanto consumidores non asumen o criterio da discriminación positiva nas súas compras cotiás para afortalaren o noso tecido  produtivo e o máis preclaro sinal de identidade galega, a lingua. Repetiranse xantares e ceas arredor de mesas compartidas por familias que foron desprazándose das aldeas ás cidades na procura de novas oportunidades co insolidario comportamento , dun e máis doutros, dos que están e os que chegan,de deixaren ao pairo aos que nelas quedaron, familiares e amigos que manteñen no rural pequenas explotacións e  industrias de elaboración de produtos  excelentes malvivindo, cando non pechándoas por falta de consumidores.
 
O Foro E. Peinador- Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros volve facer por estas datas o chamamento á solidariedade interterritorial para artellarmos un pensamento innovador e eficaz que dinamice a galeguización da economía ao tempo que a reforce. Cómprenos tecer unha rede de complicidades para espallar esta mensaxe facendo copartícipes desta acción a todos os galegos. A mellor maneira é a implicación nunha pedagoxía socrática compartida na que todos teñamos parte activa na regaleguización transversal do país. A lingua precisa ampliar os usos na actividade económica para garantirmos a súa plena normalización. Os consumidores, sobre todo aqueles que deliberadamente manifestan galeguismo, teñen moitas responsabilidades na consecución deste obxectivo. A Terra pide pobo conscientemente galeguizado.

Comida galega para o Nadal
Comida galega para o Nadal | Fonte: produtosgalegos.com
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xosé González Martínez Presidente do Foro E. Peinador e da Fundación Lois Peña Novo, secretario da Asociación de Funcionarios para Normalización Lingüística, da Irmandade Xurídica Galega e Asociación de Amigos do Couto Mixto.