Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 30/11/2021 | Actualizada ás 13:41
Os dous principais acusados da peza principal da operación Carioca centrada en redes de prostitución e trata en Lugo aceptaron seis e tres anos de cárcere, respectivamente, tras alcanzar un acordo de conformidade que foi ratificado na mañá deste martes na vista celebrada na Audiencia Provincial de Lugo.
Transcorridos case 13 anos desde a apertura da investigación por parte da extitular do Xulgado de Instrución número 1 de Lugo, Pilar de Lara; a peza principal da Carioca, enfocada na indución a prostituírse en dous locais de alterne, quedou resolta este martes despois do pacto alcanzado entre as partes. Así, dos 500 anos de petición de cárcere dos que partía o Ministerio Público na súa solicitude de penas por decenas de delitos vinculados a unha trama de prostitución, os responsables dos clubs Queens e O Outeiro asumirán condenas que suman menos de 10 anos.
En concreto, o principal acusado, José Manuel García Adán, aceptou seis anos de prisión e José Manuel Pulleiro, tres anos e sete meses; mentres que a exmuller deste último tamén foi condenada a unha multa. En todo caso, a pena non suporán ingreso en prisión para José Manuel Pulleiro ao xa permanecer no cárcere o tempo da condena durante a instrución do caso.
Pola súa banda, García Adán cumpre condena no cárcere de Mansilla de las Mulas por violencia de xénero, desde onde interveu por videoconferencia na vista. Dos seis anos que acepta só lle correspondería cumprir dous, dado que xa permaneceu catro en prisión por Carioca tamén durante o período de instrución. Deste xeito, o principal acusado da trama e dono do club Queens é condenado polos delitos contra os dereitos de cidadáns estranxeiros, de prostitución coactiva, tenencia ilícita de armas, un delito contra a saúde pública e un continuado de ameazas.
INDIGNACIÓN POLA SENTENZA
Á entrada da Audiencia Provincial, un grupo de mulleres da Plataforma contra a Impunidade da Carioca manifestaron o seu malestar polo desenvolvemento do proceso e recibiron ás partes con berros como "Fiscalía corrupción" ou "a prostitución tamén é violencia". A portavoz deste colectivo, Mónica Fernández, confesou, en declaracións aos medios, que se atopan "indignadas, non só polo acordo senón pola actuación e as indignantes decisións que tomou a Fiscalía durante todo o proceso".
Neste sentido, tras puntualizar que foron máis de 400 mulleres ás que se tomou declaración durante a Carioca, acusou ao Ministerio Público "por promover a impunidade ao reducir á mínima expresión delitos dunha rede de trata que tiña moitas implicacións". En declaracións aos medios, Cándido Conde Pumpido, avogado do 'número dous' da trama, criticou a instrución da xuíza Pilar de Lara, "que alcanza o maior volume de calquera outra causa do sistema xudicial español". "É unha causa histórica, non houbo ningunha maior nin o caso Malaya, nin o terrorismo yihadista alcanzou este volume", incidiu o letrado.
PEZAS SECUNDARIAS
Así as cousas, tras a resolución da peza principal da Carioca, restan por concluír outras liñas dunha operación aberta a finais do ano 2008 e que cumprirá 13 anos nas próximas semanas. A investigación iniciouse tras a denuncia dunha das mulleres ás que supostamente se inducía a prostituírse. Con todo, as primeiras intervencións producíronse en outubro de 2009, que derivaron en varias imputacións e na entrada da xuíza Pilar de Lara na comandancia da Garda Civil de capital lucense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.