Comesaña avisa de novas medidas en caso de dispararse a pandemia

O conselleiro de Sanidade remarcou que Galicia "segue avanzando" na vacinación da terceira dose, que este mércores empeza para o colectivo de 60 a 69 anos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2021 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, apuntou que por agora se mantén a reunión semanal do subcomité clínico que asesora á Xunta na toma de decisións da pandemia e que está especializado no estudo dos brotes por covid-19.

Con todo, apuntou que, aínda que se mantén esta liña, a Xunta baralla novas medidas como a extensión do certificado covid a outros ámbitos --como lugares en que hai concentracións de persoas, especialmente os pechados-- se a pandemia segue á alza e se disparan os casos.

En declaracións aos medios antes de visitar a sede compostelá de Cáritas, Comesaña indicou que o subcomité "segue traballando" e, polo momento, a Xunta "mantense nesta previsión". O comité clínico deixou de reunirse coa chegada da denominada nova normalidade, ao deixar Galicia de situarse en alerta sanitaria, 19 meses despois da súa declaración.

O titular da Administración sanitaria galega apelou a que hai que "seguir mantendo a prudencia" e apuntou que a mirada está posta en observar se a tendencia crecente se estabiliza, "pero de momento non hai esa confirmación".

Comesaña remarcou que Galicia "segue avanzando" na vacinación da terceira dose, que este mércores empeza para o colectivo de 60 a 69 anos, que é o grupo de idade xunto cos sanitarios que o Sergas queren ter vacinado por completo coa dose de reforzo antes de Nadal.

MONITORANDO

Ademais, o titular de Sanidade explicou que a Dirección Xeral de Saúde Pública continúa "monitorando o que ocorre" e, en función de como evolucione" a situación, non se descarta "pedir o certificado covid noutros ámbitos".

"Agora non o temos pechado aínda, pero se a tendencia "segue de crecemento, non se descarta", apuntou, sobre a ampliación dos usos das credenciais de vacinación (ou test negativo ou recuperación).

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo secretario xeral técnico, Alberto Fontes Losada, e o xerente do Sergas, José Flores Arias / CONCHI PAZ - XUNTA. / Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo secretario xeral técnico, Alberto Fontes Losada, e o xerente do Sergas, José Flores Arias / CONCHI PAZ - XUNTA. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta