Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 15:00
As minas galegas volven chegar ao Parlamento Europeo. Desta vez, as explotacións de Touro e San Finx veñen de ser criticadas por expertos de diversos países que, de feito, as empregaron como exemplo de mala praxe nalgunhas das "malas prácticas existentes a nivel europeo", segundo destaca a plataforma Ecoloxistas en Acción. A asociación subliña a intervención do hidrólogo Steven H. Emerman, que chegou a sinalar como "moitos aspectos das normas europeas en materia de seguridade das instalacións mineiras están moi por detrás das de países como Brasil, Chile, China, Ecuador ou Perú".
De feito, o proxecto de Touro sería "ilegal" nestes países, en particular por carrexar a construción de presas ao pé de núcleos habitados, "sen consideración para os riscos sobre a vida das persoas en caso de falla", explican dende Ecoloxistas. O hidrólogo estadonidense referiu tamén o caos da mina de San Finx a partir de informes pormenorizados para evidenciar estas "deficiencias" e dar un toque de atención ás autoridades europeas: “non deben ter tanta présa en abrir novas minas ou ampliar as existentes sen antes demostrar de forma convincente que non se producirán efectos adversos sobre o ambiente e a poboación”.
Ecoloxistas explica que despois veu a quenda de Alexander Dunlap, investigador da Universidade de Oslo, que dirixiu as súas críticas o apoio económico da Comisión Europea a proxectos para mellorar a imaxe das explotacións mineiras entre a poboación. "Baséanse en técnicas e manuais militares de contrainsurxencia”, apuntou, antes de citar casos de como as empresas mineiras crean e financian asociacións "títeres" para avanzar cos seus obxectivos corporativos e simular apoio social, citando de novo o caso da Mina de Touro.
Dunlap, apuntan dende a mesma plataforma, explicou como durante os cinco últimos anos a Comisión destinou máis de 100 millóns de euros a proxectos de “contrainsurxencia suave” para a “aceptabilidade social da minaría” que buscan “debilitar a capacidade e vontade das comunidades afectadas de identificar e denunciar a corrupción e danos ecolóxicos ligados ás minas”.
Ecoloxistas en Acción tamén participou na audición denunciando casos de vulneración da lexislación europea que, segundo a organización ecoloxista, “non son casos illados, senón que é unha consecuencia sistemática da corrupción e a indiferenza”. Frente a estos impactos ambientais e sociais, Elena Solís, coordinadora da Área de Minaría de Ecoloxistas en Acción, esixiu “apoio ás organizacións ecoloxistas e comunidades locais empoderándoas para exercer os seus dereitos e obrigas de cidadanía ambiental activa ante o boom mineiro que ameaza en convertir as periferias europeas nun ‘Salvaxe Oeste’ extractivista”.
BNG E PP
Respecto disto, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, lamentou que a "pinza de PP e PSOE" na Comisión de Peticións se traducise no peche das denuncias presentadas por diversos colectivos ecoloxistas referidas ás minas de Santa Comba e Alberta I. "Lamentablemente, o ecopostureo no que se empeñan as empresas extractivas sáelle moi caro a Galicia, coa destrución dos sectores produtivos, sen esquecer o deterioro ambiental", subliñou. "Non podemos esperar a que as consecuencias sexan irreversibles".
En fronte, o eurodeputado do PP Francisco Millán Mon emitiu un comunicado no que traslada que defendeu "a necesidade de conciliar a protección da saúde e do medio ambiente coa competitividade da industria e da minaría". Esa foi a súa postura durante a reunión da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, presidida pola portavoz popular Dolors Montserrat, na que se debateron --concretou-- catro peticións relacionadas con tres diferentes minas en Galicia (Alberta I, Varilongo e San Finx).
Millán Mon asegurou na súa intervención que todas as administracións públicas, desde a Comisión Europea ata a Xunta de Galicia, están "comprometidas con este obxectivo de protexer á vez a saúde dos cidadáns e a competitividade da economía".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.