Unha moción contra a violencia machista divide ao PP na Merca

BNG sostén que o rexedor tachou as manifestacións do 25N de "patéticas" e el négao: "Dixen que non colgo lacitos, nin falo de ETA, nin do sexo dos anxos"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/12/2021 | Actualizada ás 22:06

Comparte esta noticia

O BNG informou este xoves de que sacou adiante no concello ourensán da Merca unha iniciativa contra a violencia machista que dividiu ao grupo de goberno, que dirixe o PP, xa que un dos seus edís apoiouna, tres abstivéronse e o quinto, votou en contra.

Os nacionalistas relatan que reclamaban campañas de formación para os veciños, a implicación dos colectivos feministas de asociacións de mulleres no CIM da Mancomunidade e máis recursos para as políticas públicas nesta materia. Ademais, solicitaban que a Xunta de Galicia incrementase os recursos para loitar contra a violencia machista.

A moción recibiu os votos favorables da edil do PSOE e tamén dun edil do PP, mentres que tres concelleiros populares abstivéronse e outro votou en contra.

Segundo o BNG, o concelleiro que votou en contra xustificou que "non hai xénero, senón persoas", e que "unha persoa non ten que ser valorada polo seu xénero", unhas frases que o Bloque municipal considera que "poñen en cuestión a necesidade de políticas públicas con perspectiva de xénero" cando se trata dun "aspecto moi sensible".

Ademais, o BNG apuntou ao alcalde, o popular José Manuel Garrido Sampedro, e trasladou que cualificou de "patéticas" todas as manifestacións de actos civís e institucionais de todo tipo, incluídas as do 25N.

"LIBERDADE DE PENSAMENTO"

A resposta do rexedor municipal, José Manuel Garrido Sampedro, foi que o BNG non dividiu o voto do seu partido senón que, no seu partido, "hai liberdade de pensamento".

"Parece que lles molesta que a xente teña liberdade para pensar e opinar", sentenciou o alcalde, asegurando que, "precisamente para respectar estes temas", el non lle pode dicir á xente que "votar ou que non votar".

"Na Merca respectamos o libre pensamento, deixamos que os nosos concelleiros voten o que lles pareza", dixo Garrido, antes de resaltar que, sobre todo, nas mocións do BNG porque "sempre van acompañadas de moita carga ideolóxica". E engadiu que "a súa ideoloxía que a administren como queiran". "Nós non temos porqué estar de acordo con ela", contrapuxo.

"NINGUÉN NEGA A VIOLENCIA DE XÉNERO"

Con todo, defendeu que "ninguén no Concello nega a violencia de xénero" e suliñou que se "fixeron múltiples actividades" para concienciar sobre este tipo de situacións. Ademais, o alcalde negou cualificar as manifestacións como "patéticas". "O que dixen foi que eu non colgo lacitos, nin estes nin outros, nin falo de ETA, nin do sexo dos anxos. Non me gusta saír en fotos nin en minutos de silencio porque me parece unha perda de tempo, pero non me parecen patéticos, considero que cada un fai o que lle dá a gana", resolveu.

Despregue da pancarta reivindicativa deseñada polo Concello de Pontevedra con motivo do 25N
Despregue da pancarta reivindicativa deseñada polo Concello de Pontevedra con motivo do 25N | Fonte: Yoya Blanco

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta