Feijóo di que seguirá "defendendo" a Constitución fronte aos partidos "minoritarios" que a "atacan"

Ve necesario "seguir defendendo" a Constitución e ter forzas maioritarias que o fagan "sen complexos" fronte a outras como Unidas Podemos ou partidos nacionalistas, entre eles, o BNG.

Por Europa Press / Redacción | Madrid | 06/12/2021 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ve necesario "seguir defendendo" a Constitución e "ter forzas políticas maioritarias que non teñan ningún complexo" en proclamar que están "orgullosas" da Transición e do "autonomismo constitucional" que practica por exemplo --remarcou-- Galicia.

Así o trasladou, en declaracións aos medios en Madrid, onde participa nos actos polo 43 aniversario da Carta Magna, e onde se referiu ao comunicado conxunto emitido na pasada xornada por varios partidos críticos coa Constitución, entre eles o BNG.

Convencido de que "calquera país" asinaría unha Transición como a que tivo España, reiterou o seu "orgullo" por todos os políticos que fixeron posible a Transición e a Constitución, incluído o Partido Comunista de entón, e remarcou que, para el ditos dirixentes son "mestres da política".

En fronte, constatou que hai partidos "minoritarios" en España que traballan "contra as maiorías", pero salientou que máis preocupante que iso resulta "que eses partidos teñan un enorme protagonismo na vida política española, condicionen ao Goberno de España e, mesmo, aproben as leis que afectan a todos".

Así, ademais de reivindicar a necesidade de que as forzas "maioritarias" sigan defendendo a Constitución, destacou que nesta xornada se celebra  "a mellor etapa vivida nos últimos séculos en España" grazas ao "texto que garante esa etapa de prosperidade, benestar e liberdades".

(I-D) O presidente do PP, Pablo Casado; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, á súa chegada ao acto institucional polo Día da Constitución.. Eduardo Parra - Europa Press
(I-D) O presidente do PP, Pablo Casado; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo e a presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, á súa chegada ao acto institucional polo Día da Constitución.. Eduardo Parra - Europa Press | Fonte: Europa Press

CELEBRA QUE "O POPULISMO" NON ESTEA NAS INSTITUCIÓNS GALEGAS

Feijóo lembrou que a Constitución cumpre 43 anos e que o Estatuto de Galicia conmemora o seu 40 aniversario, e asegurou estar "moi satisfeito como galego" de que "o populismo non entre a dirixir" a Comunidade nin conseguise oco "nas institucións democráticas" galegas.

Ao seu xuízo, "é un signo de madurez do pobo galego, un pobo sosegado que reflexiona e toma decisións", na súa opinión, "adecuadas". "É o momento de que os galegos poñamos en valor a Constitución española porque lamentablemente gobernan en España partidos que non cren na Constitución e que non queren acatala. Por iso, é bo pór en valor os demócratas o autonomismo constitucional e a España das liberdades, que se cimentan no texto constitucional", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta