Comeza unha campaña especial de control do consumo de alcol e drogas nas estradas de Galicia

Entre xaneiro e novembro efectuáronse en vías galegas 26.454 controis, con 9.300 positivos en alcol e 6.307 en drogas.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 06/12/2021 | Actualizada ás 17:36

Comparte esta noticia

A Delegación do Goberno en Galicia informou do inicio este luns da campaña especial de Tráfico co obxectivo de dimisnuir o consumo de alcol e drogas ao volante. Ata o domingo, día 12, os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán os controis de alcoholemia e presenza de drogas nas estradas de Galicia.

Nesta iniciativa, a DXT fomenta ademais a colaboración cos concellos das catro provincias para realizar probas en zonas urbanas, con especial incidencia nas zonas de maior afluencia.

Desde a Delegación do Goberno, lémbrase que o alcol é un factor concorrente ou determinante nun terzo dos accidentes mortais de circulación. A súa presenza na condución, dependendo da súa taxa, multiplica entre 2 e 15 veces o risco de sufrir un accidente, ademais de ser un factor agravante das súas consecuencias.

De feito, lembrou que o 49% dos 591 condutores falecidos durante o ano pasado en España en accidentes de tráfico e sometidos a autopsia consumira alcol, drogas e/ou psicofármacos. Trátase dunha porcentaxe superior á do ano anterior 2019.

Igualmente, en 2020, produciuse un incremento dos peóns falecidos por atropelo en accidentes de tráfico con resultados positivos a alcol, drogas e/ou psicofármacos respecto, igualmente, ao exercicio anterior. Dos 136 peóns falecidos por atropelo en accidente de tráfico e sometidos a autopsia, 56 (41,2%) deron resultados positivos.

Por estes motivos, o obxectivo da Dirección Xeral de Tráfico é conseguir descender do 1% os positivos por alcoholemia nos controis preventivos aleatorios.

RESULTADOS DOS CONTROIS PERMANENTES

Entre xaneiro e novembro deste ano, a Garda Civil de Tráfico efectuou nas estradas galegas 26.454 controis de alcol e drogas. Nestes dispositivos rexistráronse 9.300 positivos en alcol e 6.307 positivos por consumo de drogas.

O perfil de positivo en alcol segue sendo o dun home con idades de entre 45 e 54 anos. No que respecta a drogas, o cannabis (THC) e a cocaína son as dúas sustancias achadas con máis frecuencia.

CAMPAÑA ANTERIOR

Na mesma campaña realizada en decembro do ano pasado realizáronse en Galicia 16.156 probas de alcoholemia, das que 305 deron positivo.

O 1,88% destas probas foron de resultado positivo, unha porcentaxe significativamente superior á do ano anterior.

En canto ás probas de drogas, realizáronse 356, das que 165 resultaron positivas (46,3%).

Arquivo - Foto de arquivo.. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
Arquivo - Foto de arquivo.. Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta