A Xunta incorpora os danos por incendios fortuítos ou meteoroloxía extremadamente adversa nos préstamos a empresas

Por E.P. | A CORUÑA | 07/12/2021 | Actualizada ás 12:42

Comparte esta noticia

A Xunta publica este martes, no Diario Oficial de Galicia (DOG), a resolución pola que se modifica outra anterior, de abril deste ano, pola que se daba publicidade ao acordo sobre as bases reguladoras de préstamos directos para o financiamento empresarial en Galicia e procedíase á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Trátase de préstamos ou créditos a favor de empresas que concede o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape). Na convocatoria, habilitáronse tres modalidades, delas unha para investimentos estratéxicos e outra para financiar a operativa da industria auxiliar naval.

Tamén están dirixidos a financiar investimentos en infraestruturas de uso compartido e desenvolvemento de proxectos en Galicia por parte de centros tecnolóxicos e asociacións empresariais.

Segundo o publicado no DOG, a modificación da resolución existente a este respecto realízase ao detectarse "unha circunstancia adicional na que se considera igualmente necesaria a axuda en concepto de bonificación do custo do financiamento como é o investimento en instalacións derrubadas ou danadas por incendios fortuítos ou inclemencias meteorolóxicas extraordinariamente adversas".

CENTRO PRIVADO DE OLEIROS

Por outra banda, tamén o DOG publica a orde pola que se modifica a autorización do centro privado Estudos Superiores en Administración e Finanzas, de Oleiros (A Coruña). Faino a solicitude do centro para a extinción dos ensinos do ciclo formativo en grao superior de desenvolvemento de aplicacións multiplataforma e para autorizar a de mercadotecnia e publicidade.

Imaxe dun incendio
Imaxe dun incendio | Fonte: INFOCA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta