Autorizada a repotenciación do parque eólico Coriscada, que reducirá os seus aeroxeradores de 40 a catro

No último ano a Xunta tramitou a repotenciación voluntaria de nove parques, que xa obtiveron a avaliación ambiental favorable, oito dos cales xa foron autorizados.

Por Europa Press / Redacción | FERROL | 08/04/2025 | Actualizada ás 14:44

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia autorizou a repotenciación do parque eólico Coriscada, de preto de 25 megawatts, nos concellos coruñeses de Mañón e Ortigueira. Permitirá reducir os aeroxeradores de 40 a catro. O Diario Oficial de Galicia publica este martes a resolución da Dirección Xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático pola que se autoriza tanto o desmantelamento das instalacións actuais do parque eólico como a construción doutro catro muíños novos na zona, así como unha nova liña eléctrica soterrada.

A enerxía procedente do novo parque eólico recollerase na subestación transformadora existente, despois de adaptar o edificio existente e de construír un novo almacén. Deste xeito, a empresa promotora desmantelará os aeroxeradores instalados neste parque, así como as demais instalacións e infraestruturas correspondentes. En paralelo, restauraranse tanto as canalizacións como os camiños que queden sen uso

O futuro parque contará cunha produción neta de 92.350 megawatts hora ao ano tras un investimento total --entre o desmantelamento das instalacións actuais e a execución dos traballos para a repotenciación-- de preto de 28 millóns de euros de execución material. A Xunta facilita repotenciacións de eólicos coas que se busca reducir ata un 80 % o número de aeroxeradores e aumentar un 35 % a súa capacidade de produción de enerxía renovable. No último ano tramitou a repotenciación voluntaria de nove parques, que xa obtiveron a avaliación ambiental favorable, oito dos cales xa foron autorizados.

Muíños eólicos
Muíños eólicos | Fonte: EDP - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta