Formoso sae en defensa de Carmela Silva e pide ao PP que "non enlame o campo político"

Pilar Cancela pide a Gonzalo Caballero e afíns que "se poñan a disposición" da nova dirección tras a súa actitude de "vergoña allea" no Congreso.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/12/2021 | Actualizada ás 18:38

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, defendeu este domingo a súa decisión de nomear a Carmela Silva como presidenta do partido en Galicia porque non é unha persoa "que teña un problema xudicial", a pesar de que un exfuncionario do Concello de Vigo fose condenado a máis de cinco anos de cárcere por 'enchufar' a súa cuñada.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, intervén na primeira xornada do 14º Congreso do PSdeG, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, a 7 de decembro de 2021, en Santiago de Compostela
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, intervén na primeira xornada do 14º Congreso do PSdeG, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, a 7 de decembro de 2021, en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press.

Por mor desta sentenza, confirmada a semana pasada polo Tribunal Supremo, o PP centrou os seus esforzos en pedir a dimisión da que tamén é presidenta da Deputación de Pontevedra e tenente de alcalde de Vigo.

Neste contexto, durante unha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional (RNE), Formoso pediu aos populares que "non enlamen o campo político" se "queren ter algunha opción" nas próximas eleccións municipais en Vigo.

"Carmela Silva non é unha persoa nin procesada, nin axuizada, nin investigada, nin condenada. Por tanto, non sei de que estamos a falar. É unha persoa que forma parte dun equipo que é imbatible electoralmente en Vigo", asegurou o novo líder do PSdeG, sobre a que é 'número dous' de Abel Caballero no Concello.

Dito isto, suxeriu ao PP que "tente mellorar os seus equipos" e "o seu proxecto" nesta urbe na que, no entanto, a cidadanía ten "unha empatía absoluta" co goberno local actual, que ostenta unha amplísima maioría absoluta.

PILAR CANCELA LAMENTA A "VERGOÑA ALLEA" DO CONGRESO

Por outro lado, sobre o pasado Congreso Nacional dos socialistas galegos pronunciouse este domingo a secretaria de Estado de Cooperación Internacional e secretaria de Exterior do PSOE, Pilar Cancela. Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, tachou de "vergoña allea" a actitude de Gonzalo Caballero e os seus afíns durante este conclave.

Neste contexto, a dirixente socialista pediu a este sector que "se poña a disposición" do proxecto de Formoso, mentres asegurou que tanto ela como o secretario xeral do PSOE e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, "confían" na capacidade da nova dirección do PSdeG.

"Entramos nunha etapa distinta, con moitas ganas de falar do traballo e esquecernos das pelexas internas", insistiu Cancela, para seguidamente engadir: "Ou somos capaces de trasladar á cidadanía que podemos articular un proxecto político de esquerdas alternativo ao de Feijóo, ou non temos nada que facer".

Sobre se pensa asumir algunha responsabilidade no PSdeG, evita concretar os seus desexos máis aló de: "Estou a disposición do partido".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mal empezamos: tamén Jesús Gil e Gil tiña en Marbella "unha empatía absoluta" e tamén ostentaba unha amplísima maioría absoluta" Pero logo pasou o que pasou... Pois Valentín faría ben en ler a sentenza antes de botar a lingua a pacer... Dí o Maxistrado do Supremo que os nomeamentos e altos funcionarios (xefes de servizo) non poden facerse discrecionalmente (a dedo) agás por motivos de urxencia e temporalmente En Vigo levamos 14 anos que tódolos Xefes de Servizo están a DEDO de Abel & Carmela & Regades... Así que o que ten que facer o Goberno Local en Vigo é cumprir as leis Hostia a ver se o entenden dunha pu.ta vez !!!