Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/12/2021 | Actualizada ás 12:37
O secretario federal de Transportes da CIG, Xesús Pastoriza, trasladou o rexeitamento desta central sindical ao paro convocado pola patronal do transporte de mercadorías entre este domingo e o martes e denunciou un "uso demagóxico" da mesma por parte dos empresarios. En rolda de prensa, asegurou que "non responde as necesidades do persoal" e recalcou que non hai "nada" nas demandas da patronal "que teña que ver cos dereitos dos traballadores".
Así, considerou que se está ante "puras reivindicacións patronais que esconden unha loita por un mercado que cada vez ten mellores expectativas". Ademais, manifestou que a patronal pretende consolidar "a precariedade laboral" e "esquivar a lexislación vixente".
Neste caso, aludiu a maiores controis por parte da Unión Europea e a medidas que teñen que ver cos descansos e a seguridade. Como exemplo, apuntou á implantación de tacógrafos conectados a GPS a través dos que "a administración pode saber os movementos do camión". "Ata agora todo eran trucos", dixo sobre a "picaresca" para eludir os controis.
"PRESIONAR" AO GOBERNO
Pastoriza insistiu en que, para a CIG, a patronal deste sector só busca "presionar" ao Goberno central para obter melloras en "beneficio" propio, á vez que enmarcou esta folga en "unha loita pola competencia entre empresas".
"Seguen pedindo beneficios para eles sen pensar na outra parte", apostilou en referencia aos traballadores, sobre os que denunciou xornadas laborais "abusivas" ou ausencia de recoñecemento de enfermidades profesionais. A iso, sumou convenios sen negociar ou a taxa de temporalidade. Mentres, mostrouse convencido de que o posicionamento da patronal sobre os dereitos destes traballadores "aumentará máis o déficit de condutores".
En alusión ás demandas sobre a carga e descarga, cualificou de "contradición" que os empresarios reclamen ao Goberno que os condutores "non teñan que descargar" e que, por convenio, estea estipulado así.
Pastoriza, que precisou que a CIG rexeita que os condutores teñan que facer este traballo, asegurou que o que buscan "é que se prohiba a carga e descarga en grandes superficies para restrinxir a súa competencia, pero non nas súas naves porque así se aforran persoal".
INCIDENCIA EN GALICIA
Preguntado pola posible incidencia do paro en Galicia, estimou que non será "moi relevante". En concreto, explicou que o abastecemento de mercadorías prodúcese en sábado polo que "para o luns ou martes non debería haber moito problema".
Con todo, admitiu que non se pode facer un prognóstico ao haber "un lote de patronais". "Depende das ganas que teña cada patronal", expuxo Pastoriza, quen lembrou que se o propietario do camión non deixa ao empregado saír co vehículo este "non pode saír".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.