O Sergas publica as puntuacións provisionais da oposición para 48 categorías

As puntuacións finais dos exercicios serán feitas públicas cando remate o prazo de reclamacións.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/12/2021 | Actualizada ás 13:27

Comparte esta noticia

O Sergas publicou no Diario Oficial de Galicia deste martes o modelo definitivo de respostas dos distintos exercicios e as puntuacións provisionais da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso nas categorías de médico de urxencias hospitalarias, médico asistencial do 061, así como de 39 especialidades de facultativo de área no marco dunha oposición para 48 categorías de persoal estatutario.

Segundo informou a Consellería de Sanidade nun comunicado, ofertáronse 1.311 prazas, das cales 996 corresponden a persoal licenciado sanitario e 315 a persoal técnico de formación profesional. Sanidade destacou que superaron a fase de oposición deste proceso 3.538 persoas aspirantes nesta oposición para o ingreso en 48 categorías de persoal estatutario.

Ademais, está previsto que este mércores se publique o modelo definitivo de respostas e as puntuacións provisionais da fase de oposición das categorías de técnico de farmacia, técnico superior de laboratorio de diagnóstico clínico e técnico superior de radioterapia, entre outras categorías.

O modelo definitivo de respostas, con indicación das preguntas anuladas e o seu motivo de anulación, así como as puntuacións provisionais obtidas polos aspirantes presentados aos distintos exercicios da fase de oposición atópanse publicadas, a disposición das persoas interesadas, na páxina web do Sergas.

PRAZO

As resolucións abren un prazo de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación, para que as persoas interesadas poidan presentar reclamación ante o respectivo tribunal de selección, matiza Sanidade, "unicamente de existir erros na confección aritmética da puntuación obtida".

As reclamacións deberán presentarse nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos previstos na Lei 39/2015 do 1 de outubro, e deberán dirixirse á sede do tribunal para os efectos de comunicacións, situada na Dirección Xeral de Recursos Humanos do Sergas. Terminados os prazos de reclamación previstos en cada unha das resolucións, indica Sanidade, publicaranse no Diario Oficial de Galicia as puntuacións definitivas dos distintos exercicios e o acordo de finalización da fase de oposición.

Oposicións do Sergas en Silleda (Pontevedra)
Oposicións do Sergas en Silleda (Pontevedra)

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta