Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 14/12/2021 | Actualizada ás 16:25
O Concello de Pontevedra e a Deputación asinaron este martes, día 14 de decembro, un acordo que permitirá realizar os estudos necesarios no convento de Santa Clara e os seus espazos para comprobar a súa viabilidade á hora de pasar a formar parte do Museo provincial como unha nova extensión de leste.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, coincidiron en destacar a importancia que ten este acordo para a cidadanía da Boa Vila, pero tamén de toda Galicia.
Fernández Lores explicou que posibilita á Deputación facer un "estudo profundo das posibilidades de cara á utilización dos espazos construídos en Santa Clara para o Museo de Pontevedra".
O alcalde lembrou que o Museo ten unha enorme cantidade de fondos que por falta de espazo non poden ser presentados á cidadanía, ademais dos continuos achados que van aparecendo e son incorporados á entidade para o seu estudo e catalogación, e posterior exposición.
Se os estudos a realizar achegasen unha valoración positiva do lugar para ser destinado a usos museísticos, o novo espazo do Museo suporía unha ampliación de enorme valor, permitindo que chegue ata os 30.000 metros cadrados. "Estamos a falar de que, o que nós consideramos o museo nacional de Galicia, chegue a competir con ser un dos museos máis importantes do Estado español", sinalou.
Lores agradeceu á Deputación a súa disposición de estudar en profundidade esta opción e a investir o diñeiro necesario para pór en valor o Museo.
Pola súa banda, a presidenta provincial, Carmela Silva, mostrou a súa "felicidade plena" por este primeiro acordo. "Hoxe é un día de inmensa alegría para Pontevedra, pero tamén para todo o conxunto da provincia e, máis aló, é un día de alegría para Galicia, pois o Museo de Pontevedra é o museo provincial máis importante da comunidade", dixo.
Silva sinalou que a firma do protocolo non debería sorprender a ningunha parte pola relación "leal" entre o Concello da capital e a Deputación, "polo ben da cidade e polo conxunto da provincia".
"O Concello fixo un extraordinario esforzo para incorporar Santa Clara como un ben público do que agora é propietaria toda a cidadanía", declarou a presidenta.
O PP, EN CONTRA
O portavoz do grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafael Domínguez, expresou este martes o seu rexeitamento á cesión da propiedade de Santa Clara por parte do Concello á Deputación provincial.
Domínguez puntualizou que a postura do PP, é favorable á operación de compra por parte do Concello, entendendo que o prezo foi "adecuado" e que esta adquisición "enriquecía o patrimonio" da cidade. Ademais, trasladou o seu apoio para que se incorpore ao Museo pero asegurou estar en contra de "regalarllo á Deputación".
Unha operación que cualificou como "unha perda inxustificable do patrimonio de todos os pontevedreses" algo que, segundo sinalou, parécelle unha "tomadura de pelo".
"Aquí a que fai un negocio redondo é a presidenta da Deputación, porque Pontevedra gasta tres millóns en adquirir o convento e ela queda con el gratis", dixo Rafa Domínguez.
"Con esta operación os pontevedreses non poderemos decidir sobre o futuro de Santa Clara. Con esta operación o futuro do convento decidirase en Vigo", afirmou Domínguez.
O PP aclarou que non se opón á firma dun "convenio de colaboración" entre ambas as administracións local e provincial senón "ao traspaso á Deputación de todo o edificio e os xardíns".
"Con esta operación o futuro de Santa Clara decídese en Vigo e, sobre todo, deixa de ser dos pontevedreses", asegurou. "Paréceme un escándalo", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.