Galiartesán.- Julia de la Cal, cesteira premio Artesanía de Galicia 2024: "Cultivo eu mesma os vimbios"

"Aínda que eu respecto moito a artesanía e a cestaría tradicional, e penso que hai que aprender dela e non deixar que se perda, como veño máis do mundo do deseño, tamén me interesa levar a cestaría a outros campos, facendo pezas máis creativas e contemporáneas", conta Julia ao GC, asegurando que aí é onde podería estar a crave para garantir o futuro do oficio.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 21/12/2024 | Actualizada ás 21:55

Comparte esta noticia

Julia de la Cal (www.laparabolica.comé unha desas mulleres que rezuma creatividade e orixinalidade polos catro costais. Emprendedora e visionaria, esta artesán galega acaba de facerse co máis grande recoñecemento ao seu traballo: o Premio Artesanía de Galicia 2024, pola súa obra 'Perifería #01', unha creación que transita as linguaxes dos mundos dos que ela procede, combinando o oficio artesá e o deseño, ao unir a manufactura cesteira con aplicacións da técnica pictórica, pero sempre respectando a expresión dos materiais. Dende o Galicia Confidencial achegámonos ás súas orixes e á inspiración e traballo que se agochan detrás desta e das súas outras marabillosas obras.

'Periferia #01', obra de Julia de la Cal gañadora dos Premios Artesanía de Galicia 2024
'Periferia #01', obra de Julia de la Cal gañadora dos Premios Artesanía de Galicia 2024 | Fonte: Cedida

Como nos conta Julia, ela estudou deseño industrial en Barcelona e, "xa cando estaba estudando encantábame o tema de estar no obradoiro, de mancharme e trastexar cos materiais", pois "os procesos de tipo industrial e eses materiais máis artificiais non me remataban de convencer". Foi así como decidiu poñerse a buscar alternativas aos mesmos tamén de cara ao seu proxecto de final de carreira. Nese intre, e tamén grazas á propia escola, "deime conta das posibilidades que me ofrecía a cestaría". Facilitáronlle o contacto con Joan Farré i Oliver, un importante mestre cesteiro de Cataluña que "me abriu as portas da súa casa, do seu obradoiro, e me permitiu estar alí traballando con el e dándolle a lata con milleiros de preguntas", chancea Julia, aínda moi agradecida. A partir de entón, "quedei enganchada da cestaría" e así continúa a día de hoxe. 

A súa historia non é a máis propia dos típicos artesáns aos que o oficio xa lles vén de familia, pois tampouco as súas obras se poden considerar como artesanía típica e tradicional. "Eu nunca antes de estar na carreira lle prestara atención á cestaría a nivel de velo como unha posibilidade profesional", confesa, e explica que "viña do mundo da ilustración e do deseño gráfico e, por iso, como xa daquela me adicaba profesionalmente ao deseño gráfico, cando me atopei coa cestaría pareceume unha boa maneira de ampliar a miña formación e tamén as miñas posibilidades laborais". Cal foi a súa sorpresa cando, o que comezou como un engadido ao que xa viña facendo, rematou por cambiar a súa profesión de todo, derivando por completo cara a cestaría. "Funme dando conta de que o deseño gráfico se me facía moi plano e de que tiña ganas de traballar co volume", comenta. E, dende esa, así continúa, aínda que nunca estancada, pois "continuei facendo formación e máis cursos, ao tempo que seguía traballando como deseñadora gráfica".

"TRABALLAR CON MATERIAIS CULTIVADOS POR MIN MESMA DÁME A TRANQUILIDADE DE SABER QUE PROCEDEN DUN CULTIVO SOSTIBLE E ECOLÓXICO"

Tras moito esforzo e traballo, Julia conseguiu o recoñecemento de ser unha das mellores artesáns que actualmente temos en Galicia. E asegura que ela nunca dubidou de que este oficio tiña posibilidades. "Vía e aínda sigo vendo que hai xente que pode traballar disto e para a que economicamente é un traballo viable", asegura a artesá. Con esa idea clara na mente, "estando no mesmísimo centro de Barcelona, pensei que o mellor sería marchar ao rural para emprender, e dinme conta de que igual voltando para a casiña, para Galicia, me sería máis sinxelo, porque xa era territorio coñecido". Dito e feito. Julia saiu da gran cidade e volveu para o campo galego, onde "teño a sorte de contar cunha leiriña que me deixa miña nai para plantar os vimbios e outros materiais que logo emprego nas miñas creacións", algo que sería impensable facer en Barcelona. E é que para Julia é moi importante "a idea de autoxestión" e de "sustentabilidade". Inevitablemente, confesa que "hai unha parte dos materiais que emprego que teño que mercar", pero, "todos os que podo, os cultivo eu mesma".

Julia de la Cal coa súa obra
Julia de la Cal coa súa obra | Fonte: Samuel Ortiz Lois

Especialmente resúltalle interesante poder cultivar aqueles que emprega para facer o que ela denomina 'cabanas vivas' de vimbia, porque "tampouco son materiais que poidas mercar facilmente ou que resulte doado atopalos no mercado", de maneira que "traballar con materiais cultivados por min mesma dáme a tranquilidade de saber que proceden dun cultivo sostible, ao que non se lle botan químicos nin sulfatos artificiais, producindo todo de maneira ecolóxica". E, unha vez colleitados e aproveitados nas súas obras, "poder reutilizalos logo para facer construcións en vivo, para min, é como o peche dun proceso moi redondo, no plano teórico". Ademais, ao preguntarlle pola súa fonte de inspiración, Julia confesa que parte moito "da propia tradición, de ter visto moitas cousas na vida real, en libros, en exposición e tamén en Internet, non se pode negar". A iso suma que "moitas veces estás barrenando unha idea e probando cousas e queda aí parada, ata que chega un día no que a retomas porque consideras que podería ter posibilidades". Sexa como sexa, asegura que "a inspiración tamén é froito do traballo previo e da investigación, non é que chegue así como así".

"TODO MUDA E DÁRLLE UNHA VOLTA AOS OFICIOS TRADICIONAIS PENSO QUE PODE ABRIR NOVAS POSIBILIDADES PARA OS MESMOS DE CARA AO FUTURO"

Actualmente Julia traballa baixo a súa propia marca: La Parabólica (www.laparabolica.com). Como nos conta, "ese nome xa me rondaba na cabeza dende moito antes, porque vía que todos os estudos tiñan nomes como de señoras e eu, cando comecei no mundo da cestaría, fixen unha peza con forma de parábola e con movementos paraboloides, e así saiu o nome, un pouco por casualidade e porque me fixo graza", chancea. Hoxe por hoxe, Julia ve na cestaría "un oficio con infinidade de cousas para aprender, técnicas, materiais, estilos...", e afirma que "aínda que as obras sempre teñan moitas cousas en común, hai moitas que quedan aínda por mirar e aprender". É por iso que "aínda que eu respecto moito a artesanía e a cestaría tradicional, e penso que hai que aprender dela e non deixar que se perda, como veño máis do mundo do deseño, tamén me interesa levar a cestaría a outros campos, facendo pezas máis creativas e contemporáneas".

E é neste punto onde cre que tamén pode estar a crave para garantir o relevo tradicional deste oficio que, ao igual que o de moitos outros, está en xaque: "Todo muda, nós mudamos e a vida muda, e dárlle unha volta aos oficios tradicionais penso que pode abrir novas posibilidades para os mesmos de cara ao futuro". Máis aló de artesá, Julia tamén importe formacións, tanto nos colexios, aos máis pequenos, como a xente de maior idade, e asegura que "vexo que hai xente que si se interesa por aprender esta profesión, sobre todo mulleres de entre 30 e 40 anos, moi vinculadas co mundo do deseño, da arquitectura ou do interiorismo, polo que coido que a cestaría pode ter tamén moita saída por aí". Ademais, deses cursos saen posteriores colaboracións que tamén dinamizan o oficio. Agora, tras recibir o Premio Artesanía de Galicia 2024, Julia anima a todos os demais artesáns galegos a presentarse, porque "eu era a primeira vez que me atrevía a presentarme, por esas dúbidas que tiña sempre de se as miñas creacións serían o suficientemente boas, e gañalo foi un subidón tremendo". E, de seguro, tamén será un impulso para o futuro da súa carreira.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta