A Deputación de Lugo inaugura a tempada de rutas fluviais cun 22% máis de reservas

As travesías polo Sil e o Miño contan xa con máis de 15.400 prazas reservadas para este 2025

Por Europa Press / Redacción | LUGO | 22/03/2025 | Actualizada ás 16:06

Comparte esta noticia

A tempada 2025 das rutas fluviais pola Ribeira Sacra arrancou oficialmente este sábado coa inauguración a cargo do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, quen destacou o papel destas travesías como "motor económico fundamental" para o territorio. A nova campaña arranca cunha cifra de 15.453 reservas, un 22% máis que no mesmo período do ano pasado.

Inauguración da tempada de catamaráns
Inauguración da tempada de catamaráns | Fonte: Deputación de Lugo

Durante o acto de apertura, celebrado a bordo do barco que percorre o Canón do Sil, Tomé estivo acompañado por representantes municipais da zona e responsables do grupo Tragsa, entidade encargada da xestión do servizo.

A oferta deste ano mantén dúas rutas principais: a que percorre o Canón do Sil, con saída desde Monforte de Lemos, e a ruta polo Cabo do Mundo, que navega polo río Miño desde O Saviñao. Ambas teñen unha duración aproximada de dúas horas e operan en embarcacións con capacidades de 159 e 59 prazas, respectivamente.

A Deputación confía en superar os 61.000 visitantes rexistrados en 2024, consolidando estas rutas como un atractivo clave no calendario turístico provincial. Tomé subliñou que "a combinación de natureza, historia e tradición" converte estas experiencias en produtos turísticos de alto valor engadido.

O presidente provincial tamén incidiu en que os investimentos anuais da Deputación na Ribeira Sacra permiten dinamizar sectores como a hostalaría, o comercio local e o turismo rural, contribuíndo así a manter "as zonas rurais vivas" e a crear novas oportunidades para a poboación.

Segundo sinalou, esta iniciativa encaixa co obxectivo de construír un modelo turístico para Lugo que sexa "motor de progreso", sen deixar de lado a preservación ambiental como principio básico de actuación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta