Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 23/03/2025 | Actualizada ás 21:45
Os furanchos, eses locais con encanto nos que se vende o excedente de viño caseiro acompañado de comida tradicional, forman parte da identidade cultural e gastronómica de Galicia. Orixinariamente nados como unha práctica ligada á economía rural, estes espazos evolucionaron ata converterse nun atractivo tanto para os propios galegos como para quen visita a nosa terra na procura de autenticidade. Sen embargo, nos últimos anos, os furanchos enfrontan un risco crecente de desaparición debido á conxunción de diversos factores. As normativas cada vez máis estritas, as dificultades administrativas para manter a súa actividade e a presión da hostalaría convencional puxeron en xaque a súa continuidade. Ademais, o relevo xeracional é incerto: moitas familias produtoras reduciron a súa actividade vitivinícola, e as novas xeracións, en moitos casos, non poden ou non queren asumir a xestión destes espazos. A isto súmase a transformación do mundo rural e o progresivo abandono de pequenas explotacións agrícolas, que foron a base dos furanchos durante séculos. Galicia Confidencial fala con Juan Vidal, un dos creadores de Guía Furanchín, a guía por excelencia para coñecer os furanchos galegos, que se amosa moi preocupado por unha realidade que, de seguir así, suporá a extinción total dos furanchos.
No tocante ás normativas impostas pola Xunta para que os furanchos poidan exercer a súa actividade, Juan sinala que "o problema non está tanto en que sexan moi estritas á hora de determinar os parámetros para montar o furancho en si ou de establecer as tapas que se poden servir, senón á hora de permitir que un negocio se dea de alta como furancho". Neste senso, lamenta que "a normativa non está moi clara ou déixase moito a interpretación do propio concello no que se ubique o furancho". Porque, aínda que a normativa base chegue dende a Xunta, en última instancia quen lexisla sobre os furanchos é o concello, que pode facelo nun senso ou noutro. Por exemplo, hai concellos que permiten que a persoa que rexente o furancho o faga porque é arrendatario dunhas viñas que están a nome do seu pai, sen necesidade de que estean ao seu propio nome, pero hai outros concellos nos que isto non é así e nos que sen ser propietario das viñas non se pode abrir un furancho. "A Xunta creou unha normativa para diferenciar aos furanchos dos bares e os restaurantes, pero, moitas veces, esta normativa, en lugar de protexelos, o que fai é restrinxilos e impedirlles exercer, pois, ao quedar aberta a interpretacións, cada concello aplica a lei á súa maneira".
"UN FURANCHO NON SUPÓN COMPETENCIA PARA UN RESTAURANTE, PORQUE, ENTRE OUTRAS COUSAS, SÓ PODE ABRIR 3 MESES AO ANO E SERVIR 5 TAPAS"
"Hai demasiada traba burocrática e administrativa, ese é o problema que atopamos", resalta Juan, que lamenta que "parte desas trabas administrativas que poñen os concellos póñense tamén por presións da hostalaría". Para este creador de Guía Furanchín, a hostalaría está "moi equivocada" se pensa que os furanchos supoñen unha competencia desleal para eles. "Non se dán conta de que a xente que chega a un furancho dende fóra de Galicia, logo durme na zona na que se ubica, polo que tamén remata facendo uso dos seus bares e restaurantes, aproveitando o ir ao furancho para ver outras cousas, ou viceversa", expón. Así, asegura que "non é para nada incompatible que sigan existindo os furanchos co rédito económico da hostalaría". Ademais, lembra que "un furancho non pode operar durante todo o ano, polo que o seu funcionamento queda limitado a só tres meses, e como tampouco pode ofrecer todo tipo de tapas, senón unicamente cinco entre as opcións que cada concello aproba, non supón unha competencia para outro tipo de espazos gastronómicos".
Por poñer un exemplo moi concreto no que a hostalaría exerce unha gran presión sobre estes locais tradicionais, Juan sinala ao que acontece no concello de Redondela, "o máis importante a nivel de número de furanchos e no que se di que puideron ter comezado". Nesta zona, houbo dúas importantes multas a furanchos que sentaron precedente e fixeron aos demais temer o peor. "Entre as interpretacións que non se aclaran ben na normativa atópase a de que nos furanchos só poden traballar familiares de primeira liña de consanguinidade, é dicir, fillos ou irmáns, o cal quere dicir que, se eu non teño irmáns e meu pai, dono dun furancho, se quere xubilar porque se atopa maior e xa non pode preparar el mesmo o viño, eu teño que facerme cargo do negocio ou senón non é posible a súa continuidade, porque tampouco me deixan contratar a ninguén", explica Juan. Así as cousas, nestes dous furanchos altamente coñecidos de Redondela, "dise que por presións da hostalaría, aínda que iso non é algo que se saiba a ciencia certa, cáeulles unha inspección na que se preguntou se a xente que estaba traballando neles estaba contratada". Como tiñan xente que se saía do primeiro grao de consanguinidade traballando, "Inspección de Traballo meteulles unha multa de moitos miles de euros".
"OS FURANCHOS DEBERÍAN ESTAR CATALOGADOS COMO PATRIMONIO HISTÓRICO OU COMO BEN DE INTERESE CULTURAL DE GALICIA, PROTEXIDOS POLA XUNTA"
A estes problemas súmase outro moi importante e do que moitas veces se ten falado: o envellecemento da poboación e a sangría demográfica do rural galego. "Coa falta de relevo xeracional no agro galego, estamos vendo que se perden actividades económicas do sector primario como a viticultura, fundamental para o mantemento dos furanchos", expón Juan. Fronte a isto, aposta por "ensalzar os nosos viños e revalorizalos para que supoñan un atractivo de negocio para as novas xeracións, aportando axudas económicas", pois "sen eles non poden existir os furanchos". "Agora mesmo os mozos non atopan no rural saídas laborais, polo que temos que abrirlles oportunidades que poidan aproveitar", resalta, reflexionando que, "ao final, se os furanchos desaparecen, tamén desaparecerá con eles unha saída laboral para moitos mozos". Dende o seu punto de vista, resulta innegable que "o agro galego atópase nunha situación complicada que o está consumindo pouco a pouco", a pesar de que "a nosa terra conta coas bondades suficientes como para que a nosa agricultura e a nosa viticultura sexan referentes europeos". E lembra que "Europa está apostando por unha política na que todos sexamos quen de desenvolvernos e de autoabastecernos".
Chegados a este punto, e tendo todo o anterior en conta, un dos creadores de Guía Furanchín lamenta que "a Xunta, protexendo como protexe a nosa cultura e o noso patrimonio, non teña a capacidade legal de blindar aos furanchos". Como defende, "os furanchos deberían estar catalogados como un patrimonio histórico e un ben de interese cultural da nosa terra para reivindicar así a súa presenza no territorio". "Deberían estar protexidos pola Xunta, que debería aportar protección non só ao espazo físico, senón tamén á propia palabra 'furancho'", demanda, denunciando ao tempo que, "hoxe por hoxe, hai moitos establecementos que se fan chamar furanchos sen selo e sen estar rexidos pola normativa dos mesmos, só porque os propietarios son conscientes de que poñer a palabra furancho no nome do local vende moito máis de cara ao turismo". A consecuencia disto, como sinala Juan, é que "logo chega xente de Barcelona ou de Madrid que non sabe o que é un furancho de verdade e remata picando nun destes establecementos enganado polo nome". "Ao igual que os locais de hostalaría se queixan de que os furanchos lle fan competencia desleal, os propios furanchos tamén sofren a competencia desleal por parte de locais de hostalaría que se apropian dun nome que, por normativa, non lles corresponde", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.