Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 16/03/2025 | Actualizada ás 22:00
A presenza ou non de restos humanos nos museos ten sido obxecto dun forte debate nos últimos días, xa que, tras a publicación da 'Carta de compromiso sobre o tratamento ético de restos humanos', os museos españois dependentes do Ministerio de Cultura comezaron a retiralos da exhibición pública. A retirada destes vestixios adoita presentarse como unha medida de respecto, pero, sempre é esta a mellor opción que temos para amosar respecto aos nosos antergos? Máis aló de dar unha resposta uniforme, igual habería que analizar cada caso en función do contexto cultural e histórico do que procede. A relación de cada sociedade coa morte é diversa, e o que para algunhas comunidades pode ser unha retirada precisa, para outras podería significar a perda dunha fonte valiosa de coñecemento sobre o seu pasado. Ademais, a exhibición de pezas funerarias sen o contexto de a quen pertenceron plantexa dilemas éticos (aínda que máis ben teriamos que dicir morais) igualmente complexos. Un enxoval sen o seu ou a súa propietaria pode converterse nun simple obxecto despoxado de significado, cando, en realidade, forma parte dunha historia máis ampla que involucra identidade, crenzas e tradicións. De todos estes temas dende Galicia Confidencial falamos hoxe con Olalla López-Costas, antropóloga biolóxica e profesora de arqueoloxía na Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Para esta investigadora, a carta ten as súas cousas positivas e as súas cousas negativas. Por unha banda, considera que "é moi positiva dende o punto de vista de que pide dignidade e respecto para os restos humanos e que estes sexan tratados co máximo coidado posible no ámbito da arqueoloxía", de tal maneira que se requiren cousas como "que non se deixe tomar mostrar sen sentido e que se teña moito coidado porque está habendo moitas persoas que veñen do estranxeiro, sobre todo, a estudar coleccións españolas e estas estanse ofrecendo sen considerar estes restos humanos coa mesma categoría que poderían ter outros restos arqueolóxicos". Neste senso, López-Costas asegura que "dende varias sociedades científicas españolas que traballan con esqueletes arqueolóxicos estamos contentos de que por fin se teña en conta a dignidade e o respecto a este tipo de restos". Pero, por outra banda, ve a parte negativa deste manifesto en que "se lle quita aos restos humanos ese significado que teñen na divulgación dos museos estatais", cando, "unha das cousas que estamos vendo é que en moitos museos os esqueletes atraen moita atención, porque a xente demanda saber, demanda coñecer o seu pasado a través dos ollos desas persoas", sinala a investigadora.
"SERÍA PRECISO PREGUNTAR AOS PROPIOS GALEGOS COMO QUEREN ELES ACHEGARSE AOS RESSTOS DOS SEUS ANTEPASADOS, E FACELO CON RESPECTO"
López-Costas cre que "tería sido moito mellor a apertura dun diálogo con profesionais máis aló do ICOM (Consello Internacional de Museos) --centrado nos estándares para a xestión, conservación e ética museística, definindo criterios sobre como deben tratarse as coleccións, incluídos nelas os restos humanos--, falando por exemplo con membros do ICOMOS (Consello Internacional de Monumentos e Sitios) --centrado na protección e conservación do patrimonio--, pois así terían a visión dese patrimonio dende outro punto de vista, o de expertos que están todos os días traballando con eses restos humanos, máis aló de centrarse unicamente na parte da súa conservación". E é que, ao non facelo, a investigadora considera que "pódese correr o risco de quitar ese significado e esa importancia que estes restos teñen para as súas sociedades", de tal xeito que "rematen sendo considerados restos arqueolóxicos de segunda", dando lugar a que, "ao final, en lugar de respectalos e coidalos, tapémolos".
Fronte a isto, a antropóloga tamén considera que probablemente tería sido bo e necesario preguntar á sociedade española e galega que é o que pensa desta retirada. E é que "a nosa sociedade xa ten unha idea da morte e unha convivencia directa con restos óseos, como poden ser os que hai en moitas outras institucións máis aló dos museos, como nas igrexas". Así, explica que "esta idea da retirada de restos humanos por ética provén do mundo anglosaxón, e está vencellada ao uso ilícito de restos de comunidades indíxenas". Tendo isto en conta, López-Costas opta por "preguntar aos nosos indíxenas, aos indíxenas galegos, que pensan eles ao respecto de amosar os restos dos seus antergos". "En Galicia temos unha comunidade indíxena que está formada polos propios galegos, e non debemos caer no erro de considerar que hai indíxenas de primeira e indíxenas de segunda", advirte, asegurando que "os restos humanos que hai nos museos de Galicia son restos humanos que son a herdanza de todos os galegos". Así as cousas, considera que "sería preciso preguntar aos propios galegos como eles queren achegarse aos restos dos seus antepasados, e facelo con respecto".
"GALICIA TEN UNHA VINCULACIÓN COA MORTE MOI ESPECIAL E IGUAL NON TEMOS POR QUE COPIAR O MODELO DOUTROS PAÍSES, SENÓN FACER O NOSO PROPIO"
A investigadora defende así que, no caso concreto de Galicia, "igual non temos por que copiar o modelo doutros países, senón facer o noso propio modelo". Tamén tendo en conta que a relación dos galegos coa morte é ben diferente da que poidan ter noutros países. "Galicia ten unha vinculación coa morte moi especial", destaca López-Costas, que considera que, partindo desa base, "non deberiamos obedecer a ideas que agora mesmo poden estar 'de moda' noutros países ou noutras áreas de Europa e impoñer unha visión sobre a morte que non é a galega". Máis en concreto, a investigadora resalta que "en Galicia a vinculación coa morte sempre estivo moi presente, tanto que os cemiterios sempre foron considerados espazos de reunión e lugares de respecto e de vinculación cos antergos, algo que non é así noutras culturas". Ademais, "en moitas das nosas igrexas seguimos tendo a día de hoxe restos óseos expostos que se respectan e se veneran".
Deste xeito, incide en que "a sociedade galega actual conta cunha longa tradición de moitos séculos de vinculación coa morte e cos propios esqueletes, tendo esa ritualidade e ese vencellamento practicamente introducidos na nosa vida diaria, amosando esa estreita vinculación entre a vida e a morte en lendas como a da Santa Compaña ou pezas literarias como as escritas polo propio Castelao en relación ás memorias dun esquelete". "Todo ese sentir galego está moito máis próximo co pasado e o pasado está máis presente no futuro que noutras comunidades, ou eu así o vexo", asevera a investigadora. Así, aínda que cre que "está moi ben a suxerencia do ICOM de que os restos sempre deben ser tratados con respecto e que non acontezan cousas como poñerlles nome ou facer esmorga con eles", considera que "igual lle falta esa parte de adaptar cada caso á vinculación que ten coa morte cada sociedade". Por poñer un exemplo, o pobo mexicano ten unha vinculación moi forte coa morte que non pode ser suprimida da noite a mañán da súa identidade.
"O QUE RESULTARÍA POUCO ÉTICO SERÍA ENSINAR NUN MUSEO O ENXOVAL DUNHA PERSOA E NON ENSINAR Á PROPIA PERSOA NIN CONTAR NADA DELA"
Actualmente, como apunta López-Costas, no mundo da arqueoloxía e, máis en concreto, da arqueoloxía vinculada aos esqueletes humanos, está a acontecer no noso país algo que tamén podería aplicarse á exhibición de restos humanos nos museos. "Sobre todo na Europa continental estamos a crear as nosas propias liñas de estudo e deixando de imitar liñas de estudo doutros países e, especialmente, do mundo anglosaxón", conta. Do mesmo xeito, "no caso dos museos tamén habería que desenvolver unhas recomendacións adaptadas á nosa sociedade", para o que "sería necesario abrir un debate". "Eu o que lle diría aos museos galegos a día de hoxe --a retirada de restos, polo momento, só afecta aos museos dependentes do Ministerio de Cultura, aínda que moitos museos galegos non dependentes desta institución tamén optan por non amosar restos humanos-- é que aquí non temos por que facer o que están facendo en Madrid, máis penso que, se optan pola exhibición de restos humanos, deben contar algo sobre eles, para humanizalos", conclúe a antropóloga.
Ademais, cre que, no caso de que consideren que tamén é preciso retiralos por motivos éticos, "teriamos que tratar por igual todos os restos que aparecen nos ambientes funerarios". Desta maneira, apunta a que tamén sería preciso "retirar os enxovais e plantexar cousas como se resulta ético amosar a Dama de Elche ou a Dama de Bazta, porque tamén estes son elementos funerarios". Pero, dende o punto de vista da investigadora, "sería moi pouco ético ensinar nun museo o enxoval dunha persoa e non ensinar á propia persoa nin contar nada dela". Por exemplo, "se vas ver unha diadema de ouro ou unha cerámica, tes que saber que eses elementos non están alí no enxoval sen máis, senón que foron postos por unha familia para o seu familiar, e non contar nada sobre ese familiar paréceme moito máis falta de ética con respecto a esas persoas e con respecto ás nosas sociedades", porque "estariamos quitando significado a eses materiais". "Estes restos deberían expoñerse dándolles significado e co contexto correcto co que apareceron nas tumbas, non como un simple atrezo", advirte. Así as cousas, López-Costas expón que ela tería optado por manter a carta de recomendacións aberta un tempo para que profesionais máis aló do ICOM puidesen engadir nela aspectos a ter en conta.
"EN EUROPA DO NORTE EMPEZAN A CONSIDERAR QUE AS RECOMENDACIÓNS FEITAS SOBRE RESTOS HUMANOS DEBERÍAN ESTENDERSE A TODOS OS ANIMAIS"
Outra das polémicas xurdidas a partir da publicación desta 'Carta de compromiso sobre o tratamento ético de restos humanos' ten que ver con que nela só se fale da necesaria retirada, por motivos éticos, dos restos pertencentes á nosa especie, o homo sapiens. Isto deixa fóra da ecuación aos restos dos nosos antergos: homo neanderthalensis, homo erectus, homo habilis... así como animaisque poderían ter un profundo significado sagrado para esa sociedade. Ao respecto, a investigadora resalta que, tras falar isto cos seus compañeiros antropólogos de Europa do norte, onde o tema tamén está candente, "eles consideran que esta recomendación de non amosar restos debería facerse extensible a todos os animais ou que, de ensinarse, todos os restos de animais sexan tratados co mesmo respecto ou dignidade, non só os da nosa especie", porque, en caso contrario, "estamos impoñendo tamén unha visión moi relixiosa sobre o asunto, porque a nosa relixión actual está moi centrada no homo sapiens". Algo moi perigoso, pois "non podemos impoñer unha visión relixiosa actual sobre restos prehistóricos nos que esta non existía", conclúe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.