Por Galicia Confidencial | Lousame | 26/12/2024 | Actualizada ás 11:33
O periodo inglés da mina de San Fins. É o protagonista, este domingo 29 de decembro, dun roteiro polas minas de San Fins. Nel presentarase a obra premiada por Buxa - Asociación Galega do Patrimonio Industrial nos seus premios de investigación bianuais. Na edición 2023-2024 resultou galardoada a obra As minas dos ingleses: San Finx até à Primeira Guerra Mundial, da autoría de Joám Evans Pim.
Buxa e Edicións Ézaro veñen de publicar este semana o libro coa obra premiada, que recolle o periodo máis oscuro e menos coñecido das históricas minas de estaño e volframio de Lousame: o comprendido entre a descoberta do xacemento pola familia inglesa dos Burbury ata o estalido da Primeira Guerra Mundial. Nas súas 180 páxinas a obra revela de xeito minucioso os primeiros 30 anos da explotación mineira.
Na actividade prevista para a tarde do domingo percorreranse da man do autor da investigación os lugares asociados a esta primeira época da explotación: desde o cuartel de traballadores construído en 1897 ata un polvorín e os restos do Pozo Mestre. Tamén se visitará unha galería mineira que funcionou neste periodo.
A participación do evento é gratuíta e sairase ás 16:00 desde o Museo Mineiro, onde as participantes tamén poderán adquirir copias da obra que en breve estará igualmente dispoñible nas bibliotecas da comarca.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.