A soidade, a outra praga do século XXI

O estilo de vida en países industrializados fixo decaer as relacións interpersonais até o punto de que cada día son máis as persoas que viven soas. A soidade está afectando cada vez máis aos e ás habitantes das áreas urbanas. Este fenómeno afecta tanto a xente cunha certa estabilidade económica como a quen sofre exclusión social. Hai solucións, mais de momento aínda se está comezando.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 26/12/2021 | Actualizada ás 21:50

Comparte esta noticia

A pandemia de COVID parece ser a chave que abriu a caixa onde se gardaban todos os demos da sociedade actual. Entre eles, mais mencionado moito antes da COVID, apareceu a soidade como un mal que se vai esparexendo entre as persoas maiores e en ámbitos urbanos. Noticias sobre persoas falecidas nas súas vivendas encontradas meses despois do seu deceso, xente nova pechada todo o día no piso diante do computador ou da TV, creación das “zonas de confort” que ás veces evitan a relación social e sobre todo, a ruptura de lazos sociais como os existentes en outros contextos temporais onde os lazos familiares e de veciñanza tiñan un peso importante para desenvolverse en comunidade. Que ocorre agora para ir camiño dunha sociedade falta de “conexión humana”? Cales foron os motivos polos que os vínculos xa non son iguais ou non son os mesmos?

Anciá que vive soa
Anciá que vive soa | Fonte: XdM

POSIBLES ORIXES

“O paso dunha sociedade comunitaria a outra máis individualista é un motivo” sinala Guadalupe Oroña, coordinadora do Grupo de Envellecemento Activo da Sección de Psicoloxía da Intervención Social do Colexio Profesional de Psicoloxía de Galicia. “O cambio nas estruturas sociais, familias monoparentais ou a independencia dos fillos son elementos frecuentes dentro dos casos de soidade”. Por outra parte, existen valores persoais cuxo peso ás veces non se ten en conta. “Está o apego á casa ou o non querer deixar o contexto social e comunitario onde están e onde se desenvolveron”.

José Ángel Palacios, da ONG Grandes Amigos, apunta á “multicausalidade e tamén á subxectividade de cada persoa por sentirse insatisfeita ante as súas relacións afectivas”. Sendo máis concreto, Palacios apunta factores como “ a perda do círculo social habitual, o dó pola perda de seres queridos e o medo de sentir o baleiro arredor dun mesmo”. A isto engade a “existencia de moito mito arredor da soidade, sobre todo coas persoas maiores”. Eses mitos están relacionados coa inactividade e “perda de valor” da persoa en canto que vai cumprindo anos e acaba retirándose da actividade laboral.

A soidade tamén é un elemento ligado á situación social de cada quen. O exemplo son as persoas socialmente excluídas, aquelas en situación de rúa, sen fogar ou con problemas de adicción e cuxas conexións familiares ou están cortadas definitivamente ou non existen. Ricardo Misa da ONG Vida Digna, apunta que de cara a estes colectivos “hai falta de conexión, non hai desexo de escoitalos e todo isto aumentou coa pandemia, a sociedade esqueceu falar con eles, sentar e escoitar”. Misa sente isto como “se non houbese tempo para os demais” cando en moitas ocasións o feito de falar con esa persoa “fai ver que alguén se preocupa por eles, súbelles a autoestima porque vén que se inviste tempo neles”.

CONSECUENCIAS

A soidade está detrás dalgunhas doenzas mentais? Guadalupe Oroña sinala os últimos estudos sobre persoas en situación de soidade. Os resultados apuntaron que aumenta o risco de enfermar pois “a alimentación é peor, hai unha mala hixiene aumentando o risco de infeccións, redúcese a mobilidade co aumento de doenzas físicas e aumentan os problemas depresivos”. A isto engádense o risco de caer en adiccións, maior risco de deterioro cognitivo por falta de contacto directo con outras persoas e o comportamento da persoa tamén pode influír moito como causa de soidade. O número de persoas que viven en soidade en Galicia é de aproximadamente de 130.000, dese total unhas 50.000 persoas viven soas de maneira involuntaria.

O tema da soidade tamén estivo estigmatizado “porque por vergoña ninguén quería falar da súa soidade, aínda que hoxe en día si se fala máis” di Oroña. Por outra parte, dentro dunha sociedade maioritariamente urbana o ritmo de vida fai “esquecer” a persoas “non activas”. José Ángel Palacios remarca este punto sinalando “a partir dos 65 anos, cando unha persoa se xubila, deixa de ter valor porque “non é produtiva” e á parte, durante a vida laboral, moitas veces pensamos en manter o noso traballo sen pensar en arrodearnos dun círculo social”.

Debemos empatizar, poñernos no lugar do outro, cando sabemos que unha persoa socializa mais cando chega á casa vive soa e a cabeza dá moitas voltas” sinala Ricardo Misa. “A soidade é un camiño para a doenza mental  e isto aumentará cos anos, á parte está o abandono que sofren as persoas en risco de exclusión social” cando a mesma sociedade non é capaz de asumir a súa responsabilidade para evitar que fiquen sós sen amparo.

“Debemos deixar de infantilizar á xente maior, son seres humanos que precisan dunha atención e que son capaces aínda de dar moito de si” sinala Palacios. “Hoxe en día hai máis mulleres que homes en soidade, a esperanza de vida delas é maior, aínda que os datos non son totalmente firmes” sinala Oroña. “A cuestión é ofrecer unha vellez activa para evitar o sentimento de soidade” destaca a psicóloga.

A soidade urbana é consecuencia da ruptura cos antigos lazos sociais de sociedades rurais ou agrarias. A familia era un soporte e a veciñanza tamén, mais a día de hoxe a celeridade coa que vivimos, a hiperprodutividade e o individualismo están forzando a moitas persoas a quedar soas, ao mellor sen ningún tipo de contacto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta